O BNG de Vigo afea a “irresponsabilidade” de Xunta e Concello coa nova estación de buses e urxe cooperación
A fronte nacionalista reclama aos gobernos de Caballero e Rueda que cesen nesta nova lea partidista e acorden o plan de acceso para o tráfico, o deseño das paradas e a mellora das conexións coas terminais de Guixar e Peinador
Xabier P. Igrexas: “O único que lles preocupaba a PSOE e PP era a inauguración, uns co obxectivo descarado de deslucila e outros para presentala como un grande activo electoral”
O Bloque Nacionalista Galego urxe a cooperación entre a Xunta de Galiza e o Concello de Vigo para a nova estación de buses. A fronte nacionalista afea a “irresponsabilidade” de ambas administracións por converter tamén este proxecto nun “lamazal partidista” e reclama que senten a negociar para acordar o plan de acceso para o tráfico, o deseño das paradas e a mellora das conexións da intermodal coas terminais de Guixar e Peinador.
“Tanta frivolidade e irresponsabilidade resulta xa insoportábel”, valorou o concelleiro e candidato do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas. “A polémica dos últimos días demostra o alcance de verdadeiro disparate ao que chegou a lea permanente entre a Xunta de Alfonso Rueda e o Goberno municipal de Abel Caballero”, subliñou en relación ao intercambio de acusacións entre ambos.
Igrexas lamentou que tanto o PSOE como o PP só estiveran preocupados pola inauguración da estación “uns co obxectivo descarado de deslucila e outros para presentala como un grande activo electoral”. Nese sentido, anunciou que na vindeira Comisión Informativa do Concello de Vigo, prevista para este mércores, o Bloque trasladará unha proposta para “obrigar” a ambas partes a cooperar na planificación da nova intermodal.
“A veciñanza de Vigo e da área metropolitana precisan e merecen dunha terminal de buses funcional e ben conectada”, demandou o edil nacionalista
Desde o Bloque sinalaron a necesidade de consenso para o plan de tráfico no acceso á nova estación, para o deseño das paradas dentro da cidade das diferentes rutas e tamén na mellora da conexión por bus urbano entre a intermodal, a estación ferroviaria de Guixar e o aeroporto de Peinador.
O candidato do BNG defendeu que o obxectivo é facilitar no máximo os desprazamentos á cidade en transporte público para reducir o número de coches privados que acceden e circulan na cidade. “Para conseguirmos desta maneira un Vigo máis sustentábel en termos ambientais e máis habitábel para as persoas, apostou Igrexas, que asegurou que esta aspiración só será posíbel se “o PP e o PSOE deixan dunha vez por todas de xogar a canto peor, mellor”.