O BNG propón destinar o 2% dos fondos europeos á promoción da Cultura
A fronte nacionalista chama nun encontro en Vigo con persoas do ámbito cultural a un Pacto Europeo para garantir políticas activas de creación, innovación e mediación cultural
Roberto Pascual, candidato 6 ás eleccións europeas: “O BNG entendemos a cultura como un dereito e un ben social que permanece e non como un produto de usar e tirar”
O Bloque Nacionalista Galego propón destinar como mínimo un 2% dos fondos europeos á promoción da Cultura. Así o defendeu este venres o candidato número 6 ás eleccións europeas, Roberto Pascual, durante un encontro en Vigo con persoas do ámbito cultural no que chamou xunto co portavoz municipal en Vigo, Xabier P. Igrexas, a un Pacto Europeo para garantir investimentos para políticas activas de creación, innovación e mediación cultural.
Unha iniciativa que, explicou Pascual, recolle as demandas realizadas por tres importantes asociacións culturais europeas como Europa Nostra, European Cultural Foundation e Culture Action Europe no marco dos comicios do vindeiro 9 de xuño. “O BNG apoiamos e complementamos esta reivindicación co firme compromiso da defensa dos dereitos culturais, do diálogo da nosa lingua e cultura no ámbito internacional e coa firme defensa da estabilidade e da desprecarización dun sector profesional que desenvolve un ben de interese social”, salientou.
O candidato nacionalista asegurou que o Bloque vai liderar unha iniciativa para que o Estado español, o Goberno galego e os concellos se comprometan a investir estes recursos -dende os Fondos de Recuperación e Resiliencia, o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) até os Fondos Estruturais e de Investimento Europeos- a políticas transformadoras e activas de acción cultural. “O BNG entendemos a cultura como un dereito e un ben social que permanece e non como un produto de usar e tirar”, destacou.
“Estes fondos teñen que servir como un elemento de estímulo do emprego, dos valores de tolerancia e coñecemento e de xeración de riqueza no territorio”, salientou Pascual, situando a cultura “tamén como motor de paz e xustiza social, de cohesión social,de loita contra a exclusión e de diálogo entre os pobos”. Nese sentido, apostou por despregar estruturas sólidas e participativas nesta materia así como pola investigación e a protección do patrimonio cultural galego.
Cultura como política social
De por parte, o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, explicou que “fronte á desertización cultural que impoñen as nefastas políticas do Goberno municipal de Abel Caballero ou o monocultivo do Xacobeo no que insiste a Xunta virándolle as costas á cidade de Vigo, o BNG defendemos que cómpre unha enérxica política pública en materia cultural, tamén desde Europa”.
Igrexas considerou a cultura como unha “necesidade social” e pediu recoñecela como un dereito para o que é necesario dedicar máis esforzos e recursos. Unha aposta que, a xuízo do portavoz municipal do BNG, debe estar orientada a “democratizar o acceso social á cultura e alentar a potencia” que teñen as creadoras e artistas de Vigo e do conxunto de Galiza. “En lugar de estrangular o enorme talento creativo que latexa na cidade e no País o que hai que facer é multiplicalo”, reclamou.
Aliás, subliñou a importancia da “cultura como instrumento para avanzarmos a unha sociedade socialmente máis xusta e avanzada, como antídoto contra o avance dos discursos reaccionarios que ameazan dereitos e liberdades”.