O BNG urxe un “xiro radical” da Xunta ante a destrución de 1.800 empregos na industria de Vigo no último trimestre

Foto: AP Vigo
Foto: AP Vigo

A fronte nacionalista demanda unha “enérxica intervención pública” para enfrontrar a “grave crise” en actividades estratéxicas como o naval, a automoción e o sector pesqueiro

Afea tamén a falla de políticas do Goberno de Caballero, que destina case o triplo de recursos a luces e adornos de Nadal que ao Plan de Emprego Municipal

Xabier P. Igrexas: “O futuro de Vigo non pasa por nos converter nun parque temático que visitar, nin polo Xacobeo nin polas luces de Nadal”

O BNG urxe un “xiro radical” da Xunta ante a destrución de 1.800 empregos na industria de Vigo no último trimestre

O Bloque Nacionalista Galego urxe un “xiro radical” nas políticas da Xunta diante da destrución de 1.800 empregos industriais en Vigo no último trimestre, segundo os últimos datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA). A fronte nacionalista alerta de que esta tendencia leva agravándose dende o retorno do PP ao Goberno galego no ano 2009, que se traduciu na perda do 22% dos postos de traballo na industria viguesa.

“Este é o legado da nefasta política industrial e produtiva dos gobernos de Feixóo e Rueda”, denunciou o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, quen responsabilizou aos populares da “grave crise” que atravesan actividades estratéxicas como o naval, a automoción e o sector pesqueiro, así como a construción, na que se destruíron tamén 1.500 empregos nos pasados tres meses.

Igrexas asegurou que os datos da EPA evidencian a caída do peso da industria na economía viguesa fronte ao avance do sector terciario, con 8 de cada 10 empregos en actividades de servizos. “Postos de traballo marcados por unha enorme precariedade, unha elevada taxa de temporalidade, baixos salarios e un aumento das xornadas parciais, en actividades que apenas xeran valor engadido”, lamentou.

Fronte a esta realidade, dende o BNG insistiron na urxencia de despregar unha “enérxica intervención pública” para blindar a continuidade e a carga de traballo nos sectores industriais. “Vigo ten que volver ser o potente motor industrial e produtivo de Galiza”, defendeu o portavoz nacionalista, advertindo que o futuro da cidade “non pasa por se converter nun parque temático que visitar, nin polo Xacobeo nin polas luces de Nadal”.

Nesa mesma liña, Igrexas chamou tamén a desenvolver as “enormes potencialidades” como cidade universitaria, apostando por facer de Vigo “a capital galega da innovación, da tecnoloxía e das comunicacións”.

Máis recursos a adornos que ao emprego

Dende a fronte nacionalista reclamaron máis recursos por parte do Concello de Vigo para a promoción económica e do emprego na cidade, que ten na actualidade máis de 22 mil persoas en situación de desemprego. Así, Igrexas considerou “inxustificábel” que o Goberno de Abel Caballero destine hoxe case o triplo de cartos municipais a luces e adornos para Nadal que ao Plan de Emprego Municipal, afeando ademais que apenas se executara a metade do “raquítica” partida para este fin no que vai de ano. 

O BNG urxe un “xiro radical” da Xunta ante a destrución de 1.800 empregos na industria de Vigo no último trimestre