O BNG asegura que unha Xunta presidida por Ana Pontón deixará de virarlle as costas á comunidade LGBT

Carmela González, Brais Ruanova e David Miranda reunidos con colectivos LGBT de Vigo
Carmela González, Brais Ruanova e David Miranda reunidos con colectivos LGBT de Vigo
A fronte nacionalista mantivo este venres en Vigo un encontro con representantes de entidades LGBT locais para escoitar as súas demandas e trasladar as propostas do Bloque nesta materia de cara ás eleccións galegas do 18F
 
O BNG asegura que unha Xunta presidida por Ana Pontón deixará de virarlle as costas á comunidade LGBT

O Bloque Nacionalista Galego asegura que unha Xunta de Galiza presidade por Ana Pontón deixará de virarlle as costas á comunidade LGBT. Así o anunciaron este venres a candidata e os candidatos vigueses, Carmela González, Brais Ruanova e David Miranda, durante un encontro con representantes de entidades LGBT da cidade para escoitar as súas demandas e trasladar as propostas do Bloque nesta materia de cara ás eleccións galegas do 18F.

 “O BNG garantimos que as nosas políticas no Goberno galego van incorporar de forma transversal a perspectiva LGBT, dende a sensibilización e o combate de todas as formas de LGBTfobia até medidas para mellorar a inclusión laboral e no acceso aos servizos públicos”, afirmou González, quen reivindicou unha Galiza “orgullosamente diversa e inclusiva” fronte ao avance dos discursos de odio.

Entre outras propostas do programa nacionalista, dende o Bloque apostan por deseñar un protocolo contra agresións LGBTfóbicas e fronte á discriminación no terreo laboral, así como campañas de concienciación e de visibilización da diversidade sexual, de xénero e familiar durante todo o ano, con especial atención no ámbito escolar. Ademais, promoverán programas formativos nas institucións públicas e en colaboración co tecido empresarial para a prevención, orientación e erradicación das actitudes de acoso.

A candidata nacionalista lamentou o “desprezo” e a “falla absoluta de políticas” para mellorar a vida das persoas LGBT por parte da Xunta de Galiza durante os últimos 14 anos. Nese sentido, González criticou o desmantelamento do PP da rede de centros Quérote, creados para o asesoramento afectivo sexual, dos que hoxe só continúan abertos cinco en toda Galiza cun “orzamento raquítico”. A respecto a Lei pola Igualdade de Trato e de Non Discriminación, do ano 2014, denunciou que unha década despois “a metade está sen cumprir e a outra metade só en apariencia”.

Fronte a esta situación, dende o BNG comprométense a un diálogo continuo e estreito cos colectivos e entidades LGBT para atender as súas demandas cun Goberno presidido por Ana Pontón a partir do vindeiro 18F. 

O BNG asegura que unha Xunta presidida por Ana Pontón deixará de virarlle as costas á comunidade LGBT