Pontón compromete máis solo industrial na área de Vigo para facilitar a captación de investimentos e novas empresas
Fixa na reindustrialización de Galiza unha das súas prioridades e anuncia un plan para aumentar o peso deste sector no PIB ata o 23 % e xerar 12.000 empregos
Avanza que traballará como aliada de Vigo, prescindido da confrontación estéril, para que a cidade e toda a súa área sigan sendo un motor económico de Galiza
Mellorar as comunicacións con Portugal e traballar para acadar unha AP-9 libre de peaxes, entre as propostas do Bloque para aumentar a competitividade de Vigo
A portavoz nacional e candidata á Presidencia, Ana Pontón, participou en Vigo nun xantar-coloquio organizado polo Círculo de Empresarios no que avanzou as liñas estratéxicas do seu programa económico. Diante dunha ampla representación do empresariado. Pontón fixo unha clara aposta pola reindustrialización de Galiza e polo impulso do sector da ciencia e da tecnoloxía como dous dos piares da súa acción de goberno se os galegos lle dan a confianza o 18-F.
A candidata nacionalista garantiu que será unha presidenta “aliada” de Vigo e comprometeuse a non escatimar esforzos para que a cidade e toda a súa área sigan sendo “motor económico” de Galiza cunha industria máis forte e mellores comunicacións que permitan aumentar a súa competitividade.
Defendeu, entre outras cuestións, unha maior dotación de solo empresarial para a captación de novas empresas e o impulso as comunicacións con Portugal. Neste punto, aludiu á alta velocidade entre Vigo e Lisboa e a gratuidade da AP-9 como unha das cuestións estratéxicas que defenderá dende a presidencia da Xunta para impulsar a competitividade do tecido empresarial da comarca.
“Galiza está quedando atrás desde o punto de vista económico e por iso precisamos un goberno capaz de impulsar grandes transformacións”, expuxo, comprometéndose a continuación a impulsar un plan de fomento da actividade tecnolóxica e industrial co obxectivo de incrementar en 8 puntos o peso deste sector no PIB -que hoxe supón menos dun 16 %- e xerar en torno a 12.000 empregos até o 2030.
Un plan que, segundo detallou, busca dar pulo ao “enorme potencial” en sectores como o naval, a automoción ou a cadea mar-industria, pero tamén abrir novas oportunidades en sectores emerxentes como a biotecnoloxía, a cadea monte-madeira,ou a bioeconomía circular. Pechar ciclos produtivos e incrementar as cadeas de valor serán tamén obxectivos no programa de goberno do BNG, subliñou.
Pacto pola Ciencia e a Innovación
Pontón avanzou, por outra banda, que impulsará como presidenta un pacto pola ciencia e a innovación ciencia xunto a universidades, centros tecnolóxicos e clústeres co obxectivo de destinar o 3 % do PIB a este sector no horizonte de 2030, sumando iniciativa pública e privada. Co BNG liderando o Goberno galego, explicou aos empresarios de Vigo, crearase tamén o Innogal, un instituto similar ao Ikerbasque ou o Icrea para captar financiación destinada a grandes proxectos que innoven e aporten coñecemento.
No que se refire ao modelo enerxético, o programa que Pontón expuxo ante os empresarios inclúe a creación dunha empresa pública de enerxía e a tarifa eléctrica galega. Trátase dun modelo posto ao servizo do País, da súa clase traballadora e as súas empresas, porque “non é aceptable un modelo deseñado a medida do lobby eléctrico, pensado para que unha presa de multinacionais teñan uns beneficios obscenos, mentres as nosas empresas pagan cada día máis pola enerxía lastrando a súa competitividade”, advertiu.
Fronte ao actual espolio dos recursos, no modelo enerxético do BNG a eólica será compatible co medio ambiente e co rural, e os novos parques estarán ligados a proxectos industriais para crear emprego, con participación pública e das comunidades locais.
A revitalización do medio rural e o sector do mar como outro dos eixos de acción dun goberno liderado polo BNG. Neste eido, Pontón comprometeuse a mobilizar 100.000 hectáreas de terra agraria e un plan de recuperación e rexeneración das rías para recuperar a produtividade do sector mar-industria.
Ademais da confianza na potencialidade do País e o fortalecemento do autogoberno, Pontón expuxo como prioridades do BNG para a transformación económica a dispoñibilidade de máis recursos financeiros posto que, segundo explicou, a taxa de investimento en Galiza está hoxe “en niveis mínimos”. Para iso, adiantou a posta en marcha dunha estratexia de captación de investimento privado, á “mobilización produtiva” do aforro galego e á creación dun Instituto Galego de Crédito.
Modernizar a economía galega
O proxecto nacionalista para modernizar a economía galega fixa ademais como obxectivos a transformación tecnolóxica e dixital, e unha reforma na educación para adaptar a capacitación profesional ás demandas do mercado de traballo, avanzou Pontón, que advertiu de que “o noso País está quedando atrás, moi por debaixo do lugar que lle corresponde” e “moi lonxe da illa de estabilidade e de bonanza que nos pretende vender a propaganda oficial do PP”.
Fronte a esa propaganda, están os datos da evolución socioeconómica de Galiza nos últimos quince anos, argumentou, aludido por exemplo á perda de poboación (105.000 persoas menos) ou aos 200.000 mozos e mozas que se viron obrigados a emigrar. Desde 2009, afondou, Galiza des-converxe coa UE e soporta unha evolución negativa do mercado laboral, perdeu máis de 23.000 autónomos e viu como se reduciu a taxa de investimento até situarse no 2022 6,5 puntos por debaixo da española e cada dez puntos por debaixo da europea.
“O balance destes últimos anos demostra que o goberno do PP non acertou nas decisións e que desde o goberno central e Europa se impuxeron medidas que xogaron en contra de Galiza”, concluíu Pontón nunha chamada a emprender a partir do 18-F un “cambio de rumbo” que, no plano económico, permita a Galiza “avanzar, modernizarse e medrar”.