O BNG reactivará desde o Goberno da Xunta o proxecto do Campus do Mar na ETEA durante a próxima lexislatura
O cabeza de lista, Luís Bará, asegura que o futuro centro de investigacións e tecnoloxías mariñas debe ser un centro referente en Europa e critica que por “incapacidade ou incompetencia” non hai “absolutamente nada feito”
Avoga por “poñer as pilas” ao goberno central e municipal para levar adiante as demais infraestruturas e equipamentos previstos na antiga ETEA
Cunha visita aos terreos da antiga ETEA en Teis (Vigo) o BNG quixo expresar hoxe o seu compromiso co impulso do Campus do Marpara que sexa unha realidade na próxima lexislatura cun goberno do BNG á fronte da Xunta de Galiza. O grupo nacionalista tamén se comprometeu a que dende o executivo galego “poremos as pilas” ao goberno de Vigo e ao goberno central para impulsar o resto das infraestruturas e equipamentos previstos na zona, fundamentais para a veciñanza do barrio de Teis.
O cabeza de lista do Bloque Luís Bará, acompañado das tamén candidatas Alexandra Fernández e Carmela González, subliñou que o campus é un proxecto estratéxico e prioritario para Vigo e para Galiza que debe ser “un centro referente en Europa das investigacións e das tecnoloxías mariñas”. Para Bará a ausencia de melloras e avances en todos os proxectos previstos nos terreos “é un exemplo clarísimo da incompetencia e da incapacidade” dos gobernos da Xunta, do goberno central e tamén do Concello de Vigo queforon incapaces de desenvolver ningunha das actuacións en máis de dúas décadas. “Os militares abandonaron a ETEA no ano 2002, fíxose o proxecto sectorial de ordenación en 2012... E pasaron 22 anos e non hai nada, absolutamente nada feito”, criticou.
O nacionalista lembra que a previsión de investimento na zona ascende a 42,5 millóns entre a compra dos terreos, o túnel de Xulián Estévez e as urbanizacións, mentres que para o Campus do Mar sonoutros 46, 8 millóns:do CSIC 32 millóns, outros 11 da Universidade, e 3,8 millóns do Instituto de Estudos Oceanográficos.
Un complexo punteiro
O resultado debería ser un complexo punteiro formado por dous centros de investigación, o Instituto deInvestigacións Mariñas e a Unidade de Tecnoloxías Mariñas, máis facultades e centros para desenvolver proxectos de investigación da UVigo, “infraestruturas chave para dispoñer de máis medios para investigar sobre o mar e para transferir coñecemento ao sector pesqueiro marisqueiro e á cadea mar industria, e para situar Vigo e Galiza na vangarda das investigacións e as tecnoloxías mariñas en Europa”, insistiu Bará.
En lugar de cooperación entre Xunta e Goberno central, afeou o cabeza de cartel, houbo atrasos e atrancos que mesmo puxeron en risco o financiamento con fondos europeos FEDER (prorrogados ata xaneiro de 2026). Nesa data, lembrou, o Instituto de Investigacións Mariñas (IIM) ten que estar na nova sede, polo que “estamosnunha carreira contrarreloxo”, afirmou.
Ademais, Bará sinalou o baixo investimento previsto para o IIM, 16 millóns de euros, unha cifra que contrasta co investimento do CSIC moito máis alto noutros centros doutras comunidades autónomas a pesares de que “estamos a falar do centro de investigación máis grande de Galiza”.
Todos estes problemas, comprometeuse o candidato do BNG, van rematar cun goberno liderado polo Bloque na Xunta: “reactivaremos o proxecto do Campus do Mar para que sexa unha realidade na próxima lexislatura e demandaremos un incremento do investimento estatal, para que se cumpran os compromisos iniciais”, salientou.
Ademais de poñer sobre a mesa o relanzamento do campus, o cabeza de cartel manifestou a necesidade de que na zona de Teis se impulsen equipamentos para o barrio e a cidade e subliñou a necesidade de recuperar os terreos comunitarios da ETEA como unha zona de esparcemento e lecer de calidade para a veciñanza, nunha contorna que aínda segue aberta ao mar.
O PP apenas abriu uns aseos en 15 anos
Pola súa banda, o voceiro municipal de Vigo, Xabier P. Igrexas, asegurou que dende que os militares abandonaron a ETEA o único feito concreto que materializou o Partido Popular foi apenas a apertura duns aseos públicos. “É o resumo en datos e realidades do desleixo do abandono que practicou o goberno galego do Partido Popular en contra dunha actuación que é absolutamente estratéxica para o barrio de Teis e a cidade e tamén para Galiza”, apuntou.
Sinalou Igrexas que foron “15 anos de oportunidades perdidas de desenvolver ese proxecto estratéxico do Campus do Mar que faga de Vigo a capital galega da innovación”, por iso afirmou que as viguesas e vigueses necesitan a partir do 18F un goberno que exerza como aliado da maior cidade do país: “Un goberno liderado por Ana Pontón é a garantía de que despois de 15 anos de desleixo e incompetencia o desenvolvemento da ETEA vai deixar de ser promesas e infografías para se converter en realidade”.