O BNG aposta polo rescate da concesión do Hospital Álvaro Cunqueiro e pola absorción de Povisa na pública
A fronte nacionalista reuniuse con representantes da xunta de persoal da área sanitaria de Vigo para trasladar o seu compromiso de reforzar a Atención Primaria e poñer fin ás políticas de recortes e privatizacións do PP
Alexandra Fernández: “Os galegos e galegas poden ter a certeza de que unha Xunta presidida por Ana Pontón vai reverter este desmantelamento da sanidade pública”
Xabier P. Igrexas: “Este 18F temos a oportunidade de rematar coas políticas que provocaron a desfeita sanitaria en Galiza, coa área de Vigo como zona cero”
O Bloque Nacionalista Galego aposta polo rescate da concesión do Hospital Álvaro Cunqueiro (HAC) e pola absorción do centro privado Povisa na rede pública. Así se comprometeu este luns a candidata viguesa do BNG Alexandra Fernández, despois de manter unha reunión con representantes da xunta de persoal da área sanitaria de Vigo xunto coa tamén candidata Carmela González, o portavoz municipal en Vigo, Xabier P. Igrexas, e o concelleiro, Filipe Abalde.
“A área de Vigo converteuse durante este 15 anos nun laboratorio para o PP no seu proceso de privatización da sanidade pública, co HAC como buque insignia deste modelo que permite ao capital privado facer negocio xogando coa nosa saúde”, denunciou Fernández, quen asegurou que un Goberno galego presidido por Ana Pontón a partir do 18 de febreiro porá fin a estas políticas de recortes e privatizacións.
Un modelo que, lembrou a candidata nacionalista, custa cada ano arredor de 200 millóns de euros na área sanitaria de Vigo que “rematan nos petos das empresas amigas do PP na sanidade privada”. Só no caso do HAC, destacou o “moi mal negocio” que supuxo o modelo de xestión privada cun canon que pasou dos 56 millóns de euros iniciais até os 86,5 millóns que se pagan nestes momentos dende as arcas públicas.
Como exemplo, Fernández criticou que no último ano se desviara o 70% do orzamento previsto para crear novos centros de saúde en Galiza ao “inflar o pago” á concesionaria do HAC, que acumula xa pagos que superan os 1.000 millóns de euros. No mesmo sentido, chamou a poñer fin ao concerto singular de Povisa co Sergas, absorbendo na rede pública este centro privado, propiedade de fondos de investimento, e realizando unha auditoría dos recursos que recibiu diante da “continuada opacidade” do PP.
Plan de Choque na Atención Primaria
Outro dos eixos prioritarios da alternativa sanitaria do BNG pasa por reforzar unha Atención Primaria “colapsada e desmantelada” polas políticas de Feixóo e Rueda. “Non podemos normalizar que teñamos que esperar 2 ou 3 semanas por unha cita ou que haxa miles de crianzas neste país sen pediatra asignado”, reivindicou a candidata do Bloque, quen comprometeu tamén solucións á “precariedade” que padece o persoal sanitario
Nese sentido, anunciou que unha das primeiras medidas dunha Xunta liderada por Ana Pontón será a posta en marcha un Plan de choque, dotado con 200 millóns de euros, para enfrontar a “crítica” situación da Atención Primaria. Aliás, comprometeu a ampliación da carteira de servizos, incorporando e reforzando especialidades como fisioterapia, logopedia, nutrición, saúde buco-dental e psicoloxía clínica, esta última motivo dun terzo das consultas nos centros de saúde.
Por estes motivos, Fernández chamou a “transformar o malestar” da masiva manifestación en defensa da sanidade pública decorrida este domingo en Santiago de Compostela nunha marea de votos en favor dun cambio galego da man dun BNG como garantía dun sistema sanitario público, universal e de calidade.
Novos PAC e centros de saúde en Vigo
De por parte, o portavoz municipal do BNG afeou a resposta do conselleiro “saínte” de Sanidade en relación a esta mobilización. “Con absoluto cinismo dixo tomar nota desa mensaxe pero ao tempo xustificou as políticas que a golpe de recortes e privatizacións provocaron a desfeita sanitaria en Galiza, da que a área de Vigo somos a zona cero”.
Igrexas avanzou a proposta da fronte nacionalista por ampliar os recursos sanitarios na cidade, creando dous novos Puntos de Atención Continuada en Teis e na contorna de Coia-Navia, garantindo a atención pediátrica, que resolvan a “permanente saturación” do actual centro de Pizarro. Na mesma liña, defendeu a necesidade de construír novos centros de saúde e máis medios no servizo de ambulancias do 061 na área viguesa, cuxas carencias se solucionan hoxe con reforzos puntuais de empresas privadas.