O Goberno de Caballero bloquea unha iniciativa do BNG reclamando a alta velocidade entre Vigo e Porto para 2030
A fronte nacionalista trasladou unha proposta de declaración institucional para o vindeiro Pleno municipal que foi vetada pola maioría do PSOE e que o PP se limitou a votar a prol
O Bloque insta o Goberno español a reclamar unha rectificación da Comisión Europea, que relega a Saída Sur para priorizar a conexión ferroviaria entre Lisboa e Madrid
Xabier P. Igrexas: “Este novo veto non nos vai frear o BNG á hora de seguir esixindo dende Vigo, dende Madrid e dende Bruxelas que a Saída Sur sexa realidade no 2030”
O Bloque Nacionalista Galego denuncia o bloqueo do Goberno de Abel Caballero a unha iniciativa nacionalista para reclamar o tren de alta velocidade entre Vigo e Porto no horizonte do ano 2030. A fronte nacionalista trasladou á Xunta de Portavoces celebrada este mércores unha proposta de declaración institucional para o vindeiro Pleno municipal, que foi vetada pola maioría do PSOE e que o PP se limitou a votar a prol.
“Desde o BNG queremos deixar claro que este novo veto antidemocrático por parte do Goberno municipal non nos vai frear á hora de seguir esixindo dende Vigo, dende Madrid e dende Bruxelas que a Saída Sur sexa realidade no 2030, tal como se recolle no acordo de investidura asinado co PSOE”, defendeu o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, despois da decisión da Comisión Europea de relegar a Saída Sur ao 2040 para priorizar a conexión entre Lisboa e Madrid.
Igrexas reivindicou a conexión por tren de alta velocidade con Porto como unha infraestrutura “estratéxica e irrenunciábel” para a cidade e a súa área. Por estes motivos, dende o Bloque reclamaban a través desta declaración institucional que o Concello de Vigo instara o Ministerio de Transportes e Mobilidade Sustentábel do Goberno español a solicitar a revisión desta decisión da Comisión Europea, intensificando a cooperación co Goberno portugués e aprovisionando as partidas orzamentarias para axilizar a posta en marcha da Saída Sur no 2030.
O portavoz nacionalista anunciou que, fronte á “inacción e silencio” do Goberno de Caballero, o Bloque vai defender con “firmeza” os intereses de Vigo para despexar as incertezas sobre esta infraestrutura, que é unha longa e unánime reivindicación da cidade e do conxunto de Galiza.