Carme Adán demanda a Feijóo e ao PP que se aclaren sobre os contratos con Pemex
O BNG lembra que a construción dos floteis en Barreras e Navantia leva máis dun ano de atraso
A deputada do BNG Carme Adán reclamou ao presidente da Xunta e ao Partido Popular que deixen de enganar aos galegos e as galegas coa construción dos contratos con Pemex e se aclaren. A actuación do PP é unha tomadura de pelo, considerou en resposta aos medios sobre as manifestacións de onte do ministro de Industrial e a súa posterior rectificación.
O ministro onte demostrou que ao PP non lle importa Galiza o máis mínimo, denunciou a deputada nacionalista sobre as declaracións realizadas onte polo ministro de Industria, nas que aseguraba que en Galiza Pemex só encargaría a construción dun buque.
Carme Adán tamén lembrou que durante a campaña electoral das pasadas autonómicas, celebradas en outubro de 2012, Núñez Feijóo asegurou que os estaleiros da ría de Vigo estaría cortando chapa en primavera de 2013. Pois aquí non hai nada, subliñou a deputada diante das instalacións de Barreras en Vigo.
Novos pedidos e novos investimentos
Neste sentido recordou que o presidente da Xunta, o 19 de setembro de 2012 na suposta sinatura dos contratos de Pemex con Barreras e Navantia, falaba de novos pedidos, novos investimentos, novos empregos e novas esperanzas para o sector naval galego, tanto para o estaleiro público como para os estaleiros privados.
Carme Adán lembrou asemade que ese mesmo día Feijóo asegurou que o flotel que se construirá para PEMEX na ría de Vigo xa é un feito. Onde está a materialización desas promesas, porque as gradas dos estaleiros están baleiras, preguntou a deputada nacionalista. Queremos que Feijóo se aclare e diga que pensa facer para impulsar o sector naval, subliñou.