O BNG de Vigo urxe a Caballero a dar solucións as máis de 1.500 persoas usuarias da piscina de Teis
A fronte nacionalista denuncia a “lentitude incomprensíbel” do Goberno municipal que se volveu confirmar na Mesa de Contratación de hoxe na que a licitación da elaboración do proxecto de reforma que tardará, como mínimo, varias semanas en resolverse
Apoian a reivindicación da veciñanza de Teis de recuperar a piscina da ETEA, actualmente cuberta para volver dar servizo tras 15 meses de inactividade
Xabier P. Igrexas: “É un disparate que habendo unha segunda piscina no barrio, se castigue ás veciñas e veciños de Teis sen esa instalación deportiva por un prazo que podería chegar perfectamente, visto o ritmo do Goberno, até ben entrado o ano 2025”
Diante da enorme lentitude do Goberno municipal para volver poñer en marcha a piscina de Teis e na total incerteza de cando poderá reabrirse, toda vez inda non está nin resolta a licitación para contratar a elaboración do proxecto de reforma, desde o Bloque Nacionalista Galego demandan ao alcalde Abel Caballero que ten que dar solucións ás máis de 1.500 persoas usuarias e que levan máis de 15 meses sen poder facer uso da piscina.
“O problema non está no incendio de maio de 2022, senón no feito de que o Goberno de Caballero tardou máis dun ano en iniciar o proceso de licitación para elaborar o proxecto. Un procedemento que inda está nas súas fases iniciais, como puidemos comprobar na Mesa de Contratación celebrada hoxe, e que non se resolverá até dentro de varias semanas”, asegurou o Portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas. “Pero o que é máis grave, despois haberá que esperar outros tres meses para coñecer o proxecto de reforma, cuxas obras haberá que contratar cun novo procedemento de licitación sen que saibamos a día de hoxe cal vai ser o prazo de execución desas obras”, acrecentou.
Desde o BNG volven reiterar o seu apoio á reivindicación veciñal, formulada desde a AV de Teis, de que se proceda a recuperar a piscina da ETEA que foi cuberta por capricho do actual Goberno pero que podería dar servizo mentres non se repara completamente a piscina municipal de Coutadas. “É un disparate que habendo unha segunda piscina no barrio, se castigue ás veciñas e veciños de Teis sen esa instalación deportiva por un prazo que podería chegar perfectamente, visto o ritmo do Goberno, a tres anos xa que moi dificilmente poderá ser reaberta antes de ben entrado 2025”, afirma Igrexas.
Para a fronte nacionalista a situación da piscina de Teis é “un exemplo máis da nula xestión da concellería de Deportes” que ten as instalacións deportivas da cidade nun estado lamentábel, dificultando a práctica deportiva que, precisamente, o Concello debera facilitar e promocionar.