Davila: Con estes orzamentos, o goberno do PP prefire sacrificar ás persoas para salvar á banca
A deputada do BNG, Olaia Fernández Davila, afirmou este mediodía, despois de escoitar a intervención do Ministro de Facenda, Cristóbal Montoro, que con estos Orzamentos, Montoro e o Goberno do PP demostran que están dispostos a sacrificar ás persoas para salvar a banca.
Davila fixo esta avaliación despois da intervención desta mañá do Ministro de Facenda para defender o proxecto de Orzamentos 2013, criticando especialmente que só falase dos intereses da débeda, da banca e do défice, e cero das persoas. Ademáis, salientou que crearán máis crise e máis paro.
A deputada do BNG considerou que Montoro deixou en evidencia que van contra a sanidade e a educación públicas, contra a dependencia, contra o sistema público, que sustentan sobre todo as CC.AA. O deseño do Goberno está claro: primeiro o pago da débeda, primeiro adicar cantidades astronómicas ao pago dos intereses da débeda, que se come boa parte dos Orzamentos, e en última instancia está a cidadanía.
Orzamentos contra a xente
Neste sentido, Davila puxo de manifesto que boa parte da intervención de Montoro estivo adicada ao ámbito financeiro, á débeda, ao défice, e esqueceu o Estado de Benestar ou ás partidas que redundan na xente. Os intereses do Goberno non se sitúan na necesidade de preservar á cidadanía dos piores efectos da crise: salarios en caída libre, un consumo que non se reactiva, nen siquera lles interesa a creación de emprego á que tamén pode contribuir o Goberno con máis gasto productivo.
Olaia Fernández Davila afirmou que o BNG non pode apoiar nen falar ben dunhas contas que non miran para a xente, dunhas contas entregadas á banca e que socavan o Estado de Benestar. Tildou de brindis ao sol a manifestación de Montoro de promover o diálogo político. Porque só anima a presentar emendas para a correción do défice público. É dicer, enmendarlles a plana.
Aí non vai atopar ao BNG. O BNG só estará para aumentar os investimentos na educación e na sanidade públicas, en desenvolver a lei de dependencia, en facer máis investimento productivo que crea emprego, en non baixar os salarios dos empregados públicos, na revalorización das pensións. E cómo? Facendo unha reforma fiscal que grave máis aos que máis teñen. Perseguindo a fraude fiscal, rebaixando o gasto en defensa, eliminando deputacións e outras moitas medidas que se houbera vontade política se podería adoptar.