O Bloque respalda no pleno a dación en pago para ás familias afectadas polos desafiuzamentos
O grupo municipal do BNG expresou seu apoio a diferentes mocións presentadas polos grupos con representación municipal. Entre elas destaca a aprobación da iniciativa presentada polo PSOE sobre a modificación da Lei Hipotecaria e a Lei de Enxuizamento Civil, que propiciou a suspensión do pleno o pasado luns e que foi reanudado hoxe, e que hoxe non contou co respaldo dos populares. Na súa intervención, o concelleiro Xabier Alonso destacou que o BNG sempre defendeu solucións aos problemas das persoas, como a dación en pago e a moratoria no pagamento da débeda.
O PP goberna para a banca aínda teña que sacrificar ás persoas, criticou o edil nacionalista tras repasar as diferentes iniciativas levadas a cabo polo Bloque Nacionalista Galego nas institucións nas que participa. Lembrou que en febreiro de 2011 reclamou no Parlamento galego a modificación da Lei Hipotecaria, que foi aprobada por unanimidade. Igualmente foi aprobada unha moción neste sentido defendida no Concello de Vigo en abril do ano pasado.
Xabier Alonso tamén puxo de manifesto as contradicións do PSOE, ao lembrar o voto contrario a unha proposición non de lei presentada polo BNG en xuño de 2011, a respecto da cal a portavoz socialista nese momento manifestou que non se podían cambiar as normas de xogo. Tamén mencionou outra propoposición non de lei, esta vez presentada no Congreso dos Deputados en marzo deste ano, á que o PP votou en contra, así como unha proposta no Parlamento galego presentada en maio deste ano. Mentres o PP condona 21.000 millóns á banca, sacrifica ao pobo. No BNG, por coherencia, sempre estaremos ao lado do pobo e contra a especulación, asegurou o concelleiro.
Apoio ás actividades musicais
Por outro lado, o BNG apoiou outras dúas mocións presentadas polo PSOE, unha relacionada co apoio á cultura e outra coa financiamento do Programa Europeo de Axuda Alimentaria, aprobadas ámbalas dúas por unanimidade. A respecto da proposta que insta á Xunta a subvencionar actividades musicais en Vigo na mesma cuantía que fai coa Real Filharmonía de Galiza e a Orquestra Sinfónica de Galiza, Santi Domínguez destacou que a cultura non é unha subasta. En consecuencia, propuxo que a moción recollera que a Xunta potenciara as actividades musicais en Vigo de acordo coas necesidades desta cidade.
Programa de Axuda Alimentaria
No tocante á moción que insta ao mantemento do financiamento do Programa Europeo de Axuda Alimentaria, Santi Domínguez anunciou o voto favorable do BNG á proposta, pero puntualizou que non basta con isto. Destacou que cómpre ir ao fondo das causas que xeneraron a situación de miseria e fame, lembrando que hai nenos e nenas en Vigo que pasan fame.
Segundo asegurou o portavoz municipal do BNG, culpables e cómplices son tanto os gobernos do PSOE como do PP, que claudicaron ante a banca. Lembrou que non foi o BNG quen fixo a reforma da Constitución para marcar como obxectivo o déficit cero nin quen aprobou as distintas reformas laborais que foron a causa primeira de desemprego.
Sinais turísticas
No pleno de hoxe, o BNG tamén respaldou e completou a proposta dos populares para que o goberno local poña en marche un sistema de sinais turísticas definido, propoñendo unha emenda de engádega, que foi aceptada. Neste sentido, a concelleira Iolanda Veloso propuxo en nome do Bloque instar ás distintas administracións responsabeis da sinaléctica da cidade á correcta colocación e mantemento dos sinais garantindo sempre por parte de todas elas o cumprimento do Plan Xeral de Normalización da lingua galega, especialmente no que atinxe ao uso dos topónimos oficiais.
Transporte urbano
No apartado de rogos e preguntas, Santi Domínguez trasladou unha reclamación dos comerciantes do mercado de Teis para que modifiquen a parada de autobús urbano diante deste espazo. Ao respecto o alcade manifestou que a solución a esta cuestión creo que está encauzada.
Pola súa banda, Xabier Alonso pediu que se estuden e se respondan as demandas das Asociacións Veciñais de Teis e de Zamáns referidas ao transporte público entre as parroquias e o hospital do Meixoeiro.