O sector do metal de Galiza precisa máis que un remendo de 2 millóns de euros
O Parlamento Europeo aprobou unha partida de 2.029.235 euros que ten como finalidade financiar actuacións que favorezan a recolocación de traballadores despedidos do sector do metal, unha axuda que contou co voto favorable do BNG pese a que a eurodeputada nacionalista, Ana Miranda considerou que non á solución que precisa o sector sometido a unha "continuada sangría de perda de emprego".
"Máis de 10.000 postos de traballo desaparecidos no sector só polo feito de non ter ainda un sistema alternativo ao tax-lease para o naval galego, ao que se suma o veto á construción civil nos asteleiros ferroláns de Navantia. A magnitude deste problema non se soluciona cun remendo de 2 millóns de euros para a tentar recolocar apenas medio millar de desempregados cando se teñen perdido miles de postos de traballo só no ultimo ano", argumentou Miranda.
A eurodeputada do Bloque reclamou á Comisión Europea que adopte "dunha vez por todas" unha decisión definitiva e alternativa ao sistema de bonificiacións fiscais para o sector naval de Galiza, suspendido tras a denuncia do denominado tax-lease que, na práctica, está a impedir aos estaleiros galegos poder competir en igualdade de condicións cos seus homólogos da UE. Igualmente, o BNG volveu a reclamar que se suprima o veto á construcción civil nos estaleiros de Navantia en Ferrolterra.
"Ambas medidas constitúen unha maneira real e efectiva de xerar emprego no sector do metal e de recuperar os postos de traballo destruídos oa longo dos últimos meses, en lugar de axudas que, aínda que ben recibidas, non solucionan o feito de que Galiza sofra unha taxa de paro moi por riba da media da UE", explicou.
Hai que ter en conta que, segundo os propios datos da Comisión Europea, o sector da construcción naval en Galiza representa o 45% do total español e, nos último tres anos, perdeu o 30% dos postos de traballo, ademais de recoñecer que a taxa de paro galega case se triplicou co efecto da crise ata rondar o 22%.