COMUNICADO

Sobre as informacións erradas publicadas en relación ao sentido do voto do BNG no Pleno no que se relevou a Ventura Pérez Mariño da alcaldía en 2003

Sobre as informacións erradas publicadas en relación ao sentido do voto do BNG no Pleno no que se relevou a Ventura Pérez Mariño da alcaldía en 2003

Perante algunhas informacións xornalísticas publicadas nas últimas horas nas que se recolle equivocadamente que o relevo na alcaldía de Vigo de Ventura Pérez Mariño (independente que encabezou a lista do PSOE) pola elección de Corina Porro Martínez  (Partido Popular) produciuse polo presunto voto favorábel a favor desta do Grupo Municipal do BNG, queremos manifestar o seguinte:

  1. No Pleno municipal do Concello de Vigo decorrido o 13 de decembro de 2003, que se celebrou a consecuencia da non superación dunha moción de confianza polo alcalde Ventura Pérez Mariño, que tivo lugar após a ruptura unilateral por parte deste do acordo de Goberno subscrito por PSOE e BNG coa retirada de competencias dos 7 edís nacionalistas (en data de 15 de outubro), o Bloque Nacionalista Galego presentou como candidato á alcaldía a Lois Pérez Castrillo, o Partido Popular a Corina Porro, e o PSOE declinou presentar candidato a pesar de que o BNG xa manifestara a disposición de apoiar a investidura dunha nova alcaldía socialista por parte dunha persoa diferente a Ventura Pérez Mariño, a causa da evidente e acreditada perda de confianza.
  2. Cómpre recalcar que os 7 votos do BNG nese Pleno foron a favor do seu candidato, Lois Pérez Castrillo, tal e como se recolle na acta da sesión plenaria como na hemeroteca. Polo tanto, foi a decisión do PSOE de non presentar ningún  candidato/a, nin apoiar ao promovido polo BNG, o que permitiu por forza da aritmética plenaria a elección por maioría simple de Corina Porro como alcaldesa co apoio unicamente dos 10 edís do Partido Popular. O BNG non apoiou o acceso á alcaldía da señora Porro.
  3. O Bloque Nacionalista Galego sempre propiciou o estabelecemento de gobernos progresistas e alternativos ao Partido Popular, que se sitúa nas antípodas ideolóxicas do BNG e do seu proxecto de cidade. Así o verifica o feito de que nos mandatos de 2007 e 2011, fosen os votos decisivos do BNG no Pleno os que permitirían a elección dun alcalde socialista e mesmo a conformación dun novo Goberno de coligazón (2007-2011).
  4. Expresar publicamente o noso desexo da pronta e completa recuperación dos problemas de saúde que padece o exrexedor Ventura Pérez Mariño, a quen trasladamos os nosos mellores ánimos.

Vigo, Galiza, a 6 de agosto de 2021.

 

Serafín Otero Fernández

Responsábel local do BNG-Vigo

Sobre as informacións erradas publicadas en relación ao sentido do voto do BNG no Pleno no que se relevou a Ventura Pérez Mariño da alcaldía en 2003