O BNG de Vigo advírtelle ao alcalde que instalar alumeado de nadal nas árbores da cidade é ilegal

galerianavidad1
[Imaxe: Metropolitano.gal]

A ordenanza municipal de zonas naturais e espazos verdes, en vigor, prohibe expresamente pendurar ningún tipo de elemento no arborado.

Xabier P. Igrexas: “Que problema ten Abel Caballero coas árbores? A súa obsesión raia na dendrofobia”.

O BNG de Vigo advírtelle ao alcalde que instalar alumeado de nadal nas árbores da cidade é ilegal

 O Bloque Nacionalista Galego advirte o Goberno municipal de Vigo de que a instalación de alumeado de nadal nun milleiro de árbores da cidade, anunciada polo alcalde Abel Caballero, é ilegal ao contravir o disposto na ordenanza municipal de zonas naturais e espazos verdes.

O concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, lémbralle ao rexedor que o artigo 16.6 da ordenanza municipal estabelece literalmente a prohibición de “Arrincar ou partir árbores, pelar ou arrincar as súas ‘cortizas’, cravar puntas, atar ás mesmas randeiras, escaleiras, ferramentas, soportes de andamiaxe, ciclomotores, bicicletas, carteis ou calquera outro elemento, gabear ou subir ás mesmas”.

Igrexas anunciou que a fronte nacionalista interpelará o Goberno local na próxima Comisión Informativa de Medio Ambiente do Concello para cominalo a respeitar a normativa municipal. 

“As árbores non son postes e resulta moi difícil de entender que o alcalde non comprenda que o acaba de anunciar é aberta e totalmente ilegal, e se permita o luxo de facer gala de que vai incumprir deliberadamente unha ordenanza municipal en vigor”, reprochou o edil.

Dendrofobia

O portavoz municipal nacionalista cargou contra a política arboricida do executivo local. “Que problema ten Caballero coas árbores? A súa obsesión, polo arboricidio permanente, raia xa no patolóxico, parece que padecese dendrofobia (fobia ás árbores)”, afirmou, lembrando as reiteradas tallas “arbitrarias e inxustificadas” como a recentemente practicada na praza da Princesa contra varios exemplares sans de liquidámbar.

O BNG de Vigo advírtelle ao alcalde que instalar alumeado de nadal nas árbores da cidade é ilegal