Iolanda Veloso considera unha falta de respecto que o goberno incumpra o acordo sobre as ordenanzas

Iolanda Veloso considera unha falta de respecto que o goberno incumpra o acordo sobre as ordenanzas

A portavoz municipal do Bloque, Iolanda Veloso, destacou que a actitude do goberno municipal é “unha falta de respecto á democracia” ao non cumprir o acordo plenario sobre as ordenanzas para 2014 e que na sesión extraordinaria celebrada hoxe volveuse a aprobar que o alcalde presente a totalidade das taxas municipais.

“Que o goberno local non respecta os acordos plenarios quedou hoxe novamente demostrado cando a Concelleira de Facenda confirmou que non van traer as ordenanzas a debate”, manifestou Iolanda Veloso, en relación as palabras da edil socialista nas que asegurou que o goberno xa tiña tomada a súa decisión.

Para a portavoz nacionalista o pleno celebrado esta mañá a proposta do PP non é máis que “un debate sobre nós mesmos a menos que o goberno permita debate das ordenanzas coas correspondentes emendas e a cidadanía poida presentar as alegacións no período de exposición pública”.

Iolanda Veloso tamén puxo de manifesto as diferenzas entre as propostas do PP e do BNG. “Mentres que o PP quere rebaixar os impostos a todo o mundo por igual, do mesmo xeito que na Xunta e no goberno do Estado súbeos, nós queremos que pague máis quen máis ten e que pague menos quen menos ten”, explicou.

 Propostas nacionalistas

Segundo destacou a portavoz do BNG, o alcalde debería explicar por que non quere aumentar as exencións ás persoas con menos recursos, e por que quere cobrar recargo a quen ten que aprazar o pago. Asemade, tamén debería explicar por que prefire que a igrexa siga sen pagar o IBI que lle corresponde ou por que non quere bonificar á Universidade.

Ademais de propoñer a modificación da tarifa da auga, Iolanda Veloso salientou que o BNG quere debater a tarifa de Vitrasa. “Por que unha persoa desempregada quen non recibe ningunha prestación non pode acceder a unha tarxeta social?”, cuestionou a responsable nacionalista. “Polo menos queremos que expliquen por que queren seguir facéndolle pagar máis a quen menos ten”, destacou.

O Bloque defende incluír a exención para as persoas que ingresen o 85% do salario mínimo interprofesional tanto para a taxa do lixo, as escolas infantís ou o IMD. Ademade propón bonificar a taxa de recollida de lixo para as persoas que teñen unha discapacidade superior ao 65%, independentemente de que teñan recoñecida a dependencia pola Xunta de Galiza; asemade, a proposta do Bloque tamén recolle a rebaixa do 2,8% para os locais comerciais cunha superficie inferior a 50 m2 e a bonificación do 95% á Universidade de Vigo.

 

Iolanda Veloso considera unha falta de respecto que o goberno incumpra o acordo sobre as ordenanzas