O Bloque maniféstase contra a LOMCE

O Bloque maniféstase contra a LOMCE

O BNG de Vigo participou na manifestación convocada pola Plataforma Galega do Ensino Público contra a LOMCE, ao considerala segundo expresa o manifesto unha lei reaccionaria, españolizadora, privatizadora, clasista, antipedagóxica, antidemocrática, e confesional, que liquida a igualdade de oportunidades e expulsa do ensino os sectores sociais máis desfavore­cidos da sociedade.

mani contra LOMCE

A LOMCE pretende trasladar ao ensino público un modelo neoliberal que afonda nas diferenzas sociais, no canto de contribuír a que todas e todos teñamos acceso en igualdade de condicións a unha educación pública de calidade. A LOMCE é recentralizadora e españolizadora, facilítalle ao alumnado, se é necesario, a matriculación nun centro privado, pagado por todos e todas nós, para evitar a súa escolarización no noso idioma.

A LOMCE procura o máximo control dos contidos a través do Goberno central, uniformiza mediante as re­válidas e marxina aínda máis a nosa lingua. Impón un modelo lingüístico que elimina o ensino en galego e in­vade as cativas competencias que temos, coa intención de afastar totalmente o ensino da nosa realidade social, histórica, cultural e lingüística.

Medidas como estas non só van repercutir negati­vamente no ensino público, senón que van fortalecer o ensino privado concertado que se verá favorecido coa creación de centros de excelencia, mediante a selección do alumnado. Blíndanse os concertos económicos cos centros privados, mesmo con aqueles que segregan o alumnado por razón de sexo, malia existir sentenzas que ditaminan a súa ilegalidade.

 

Confesionalidade

A LOMCE reforza a confesionalidade e impide o ensi­no laico. O anteproxecto mantén o ensino da relixión no currículo escolar, contemplando unha materia alternativa en Primaria e na ESO, que computarán no expediente académico, converténdose así nun efecto chamada para que o alumnado se matricule en Relixión. No Bacharela­to, a materia de Relixión ten a consideración de materia específica, isto é, está situada entre as que o alumnado cursará un máximo de 3 e un mínimo de 2.

A LOMCE é profundamente antidemocrática, que tras­lada o sistema de xestión empresarial ao ensino. Elimina o Consello Escolar como órgano de goberno e baléirao de todas as competencias. A dirección será elixida pola administración e terá plenos poderes para tomar unilate­ralmente decisións de transcendental importancia para os centros e para propor ou rexeitar o profesorado que sexa proposto pola administración.

 

igualdade de oportunidades

Liquida a igualdade de oportunidades ao impor un sistema de continuas barreiras selectivas para que só unha minoría acceda aos estudos postobrigatorios e uni­versitarios. É unha lei elitista, clasista e segregadora, xa que estabelece reválidas para poder acceder á titulación correspondente en 4 de ESO e en Bacharelato. Impón un sistema máis selectivo mediante itinerarios que con­dena, prematuramente, o alumnado a optar a titulacións diferentes no ensino obrigatorio, condicionando de ma­neira temperá o seu futuro académico e laboral.

A LOMCE pretende crear, mediante os programas de calidade e especialización curricular, diferentes catego­rías de centros e atender, con máis recursos e medios, aqueles que mellor resultados acaden, previa selección do alumnado, no lugar de procurar que todos os centros conten cos recursos necesarios para que todos e todas, con independencia da súa procedencia social ou xeográ­fica, reciban unha formación de calidade.

 

Antipedagóxica

A LOMCE desautoriza, desconfía e xerarquiza o pro­fesorado. É profundamente antipedagóxico, xa que a consecución da titulación do alumnado vai depender do resultado azaroso dunha única proba ao rematar o ensi­no obrigatorio e postobrigatorio. A isto hai que lle engadir a desvalorización da Formación Profesional e o desvío do alumnado cara a unha FP Básica, que nin sequera conduce á mínima titulación, baixo a escusa de favorecer a empregabilidade.

A LOMCE reflicte as posicións ideolóxicas máis ex­tremas e reaccionarias do PP. Un anteproxecto de lei ao servizo da patronal do ensino privado concertado e da mercantilización da educación que confirma os actuais concertos educativos, legaliza os centros que segregan alumnado por razón de sexo.

A LOMCE facilita a planificación escolar en función do ensino concertado, reproduce un sistema xerárquico e empresarial para o funcionamento dos centros, impide o acceso das clases populares á educación e impón unha educación baseada na competitividade, na exclusión social e na desigualdade, e non nun ensino equitativo, inclusivo e intregral, cuxo obxectivo principal debe ser a formación de persoas críticas e responsábeis.

Por todos estes motivos porque significa un retroceso de décadas e porque elimina a igualdade de oportuni­dades, volvendo a unha sociedade na que o valor das persoas está en función do que posúen e na que o futuro depende de onde e en que familia se nace, o ensino ga­lego e a Plataforma Galega para a Defensa do Ensino Público esixe a retirada desta lei e un ensino público galego, laico e democrático.

O Bloque maniféstase contra a LOMCE