Iolanda Veloso critica a incongruencia do PSOE no Concello e a Deputación sobre o partido xudicial

Iolanda Veloso critica a incongruencia do PSOE no Concello e a Deputación sobre o partido xudicial

A portavoz nacionalista e deputada provincial salienta a importancia de defender o mantemento de todos os partidos existentes fronte a reforma do PP

 

Vigo, 30 de abril de 2014.- A portavoz municipal e deputada do BNG, Iolanda Veloso, criticou que o PSOE non manteña a mesma posición sobre os partidos xudiciais nos distintos organismos nos que ten representación. Salientou que mentres na deputación de Pontevedra instan a manter os partidos existentes na provincia, no Concello de Vigo non aceptaron incluír a emenda presentada polo BNG na defensa do partido xudicial vigués.

“Os socialistas defenden unha cousa no pleno do Concello de Vigo e outra na Deputación”, salientou a voceira nacionalista. Neste sentido explicou que mentres no Concello de Vigo PSOE e PP aprobaron que no caso de que a nova lei só estableza un Tribunal de Instancia na provincia de Pontevedra, este terá a sede na cidade de Vigo, na Deputación este punto non foi incluído na moción presentada polos socialistas.

Para Iolanda Veloso é fundamental facer fincapé na defensa do mantemento de todos os partidos xudiciais da provincia, polo que manifesta non entender por que o PSOE rexeitou o pasado luns aceptar a emenda do BNG para esixir ao goberno que non elimine o partido de Vigo.

Saídas a Gallardón

“Alegrámonos de que hoxe o PP e o PSOE volveran ao rego pedindo o mantemento de todos os partidos xudiciais de Pontevedra”, salientou a voceira nacionalista ao tempo que destacou que “é unha boa nova que os socialistas non lle sigan ofrecendo saídas ao ministro Gallardón para aplicar unha lei que prexudica a toda a cidadanía viguesa”.

 

Iolanda Veloso critica a incongruencia do PSOE no Concello e a Deputación sobre o partido xudicial