O pleno da Deputación aproba por unanimidade a moción do BNG de construír o centro cultural de Coia
Iolanda Veloso critica que o PSOE vota a favor desta iniciativa nacionalista pero considera que non se trata dunha demanda veciñal prioritaria
Vigo, 30 de abril de 2014.- A portavoz municipal do BNG e deputada provincial, Iolanda Veloso, salientou que a moción nacionalista que reclama iniciar todos os trámites necesarios para a construción do centro cultural de Coia no prazo de tempo máis breve posible foi aprobada por unanimidade no peno da Deputación que se celebrou esta mañá.
Como é lóxico alegrámonos de que esta proposta fose aprobada por unanimidade, pero é lamentable o desinterese de PP e PSOE no Concello e na Deputación ao longo dos anos, afirmou Iolanda Veloso, ao lembrar que o compromiso adquirido por estes dous partidos diante da veciñanza de Coia data de 2011.
A deputada provincial destacou ademais as incongruencias do PSOE a respecto do que di no Concello e na Deputación. Por un lado recordou que en resposta ao Bloque no pleno do pasado mes de marzo, Santos Héctor dixo que por parte do Concello estaba 'todo feito' e as pedras do antigo Colexio Alemán 'gardadas'.
Porén, no pleno da Deputación de hoxe o concelleiro e deputado provincial socialista sinalou que non sabía se o proxecto estaba adaptado á parcela e que non están gardadas todas as pedras coas que estaba previsto construír o centro cultural, tal e como a súa vez apuntou o vicepresidente e portavoz do PP en Vigo.
Ademais de dicir unha cousa no Concello e outra na Deputación, o representante socialista hoxe asegurou que esta non é unha reclamación prioritaria, pese a que se trata dunha demanda veciñal histórica da veciñanza de Coia, criticou Iolanda Veloso. Como pode dicir hoxe que non sabe como está o proxecto e se están todas as pedras se no pleno municipal asegurou que os compromisos adquiridos polo Concello de Vigo foran plenamente asumidos e que só faltaba que a Deputación de Pontevedra fixese o propio?, engadiu.
Abandono do PP
Por outro lado, a deputada provincial nacionalista criticou a deixamento por parte do Partido Popular ao non cumprir o compromiso adquirido entre José Manuel Figueroa, en representación do presidente da Deputación de Pontevedra, José Manuel Mariño, delegado da área de Urbanismo en representación do alcalde, e Emilio Suárez, en representación do Movemento cidadán O noso barrio. Recordou que en virtude do documento asinado a administración provincial debería dotar dunha partida orzamentaria de 3,8 millóns para construír o centro cultural de Coia antes do 31 de agosto de 2012.
Non é lóxico que hoxe o vicepresidente diga que a Deputación tiña toda a disposición para reconstruír o Colexio Alemán cando non o certo é que a día de hoxe as obras nin sequera comezaron, criticou a deputada nacionalista.