Luís Bará: “O Bloque imos defender o futuro de Madeiras Iglesias por terra, mar e aire”
O deputado do BNG no Parlamento galego, Luís Bará, acompañado de cargos institucionais e orgánicos da fronte nacionalista das comarcas do Condado e Vigo, e da tamén deputada Carmela González, mantivo esta mañá un encontro na cidade olívica co Comité de Empresa de Madeiras Iglesias.
Bará reiterou o pleno apoio do BNG ao cadro de persoal de Madeiras Iglesias nun momento chave para o seu futuro. O deputado avogou por promover unha grande mobilización social e institucional para evitar a súa desaparición. Nese sentido, anunciou unha ofensiva tanto a nivel parlamentar, cunha interpelación ao Conselleiro de Industria, como a nivel municipal con mocións en todos os concellos da bisbarra.
“Antes o señor Francisco Conde facíase fotos co empresario e agora está desaparecido, e nós pensamos que ten que actuar, recibindo, en primeiro lugar o Comité de Empresa e convocando unha mesa coa participación de todos os axentes implicados, e tamén da administración galega e os concellos, para trazar unha folla de ruta conxunta que evite o feche definitivo”, explicou o deputado.
Desde o BNG subliñan a importancia desta empresa en termos de emprego nun número importantes de concellos do sur da provincia de Pontevedra, con 148 postos de traballo na súa meirande parte ocupados por mulleres. Aliás, sosteñen a “potencialidade e capacidade” que ten para saír adiante.
“Non é momento de fechar empresas, é hora da reactivacion produtiva, e por iso o BNG imos traballar por terra, mar e aire para procurar unha solución, si ou si, para o futuro de Madeiras Iglesias”, remachou Bará.