O BNG de Vigo esixe respeito democrático ao Pleno e que o alcalde cumpra o seu regulamento
Xabier P. Igrexas: “Mentres Caballero tentou amordazar o BNG reducindo a 4 minutos o tempo que puiden intervir, decidiu dopar ilegalmente o PSOE duplicando a súa intervención até un total de 25 minutos”.
A fronte nacionalista afea as continuadas faltas de respeito ao máximo órgano de representación democrática da cidade por parte do rexedor e o seu talante “autoritario e sectario”.
O Bloque Nacionalista Galego volveu esixir, máis unha vez, respeito democrático cara ao Pleno da Corporación Municipal de Vigo após un novo incumprimento do seu regulamento orgánico por parte do alcalde. O concelleiro do BNG, Xabier P. Igrexas, ausentouse durante a sesión extraordinaria desta mañá en protesta pola decisión “antidemocrática, autoritaria e sectaria” de Caballero de duplicar o tempo de intervención do grupo socialista no debate sobre a modificación puntual do PXOU no Barrio do Cura.
“Mentres Caballero tentou amordazar o BNG reducindo a 4 minutos o tempo que puiden intervir para explicar a nosa posición, decidiu dopar ilegalmente o PSOE duplicando a súa intervención até un total de 25 minutos”, denunciou Igrexas. A situación tivo lugar na quenda de debate da modificación puntual do PXOU no Barrio do Cura, único asunto na orde do día do Pleno extraordinario de hoxe. Despois da intervención inicial da concelleira de Urbanismo, María José Caride, e cando xa remataran as quendas de palabra do BNG, Marea de Vigo e Partido Popular, o alcalde decidiu outorgarlle unha intervención adicional ao portavoz do grupo socialista, Carlos López Font, antes da réplica final de Caride. Desta maneira os tempos de intervención no debate foron de 4 minutos para o BNG, 10 minutos o PP e Marea de Vigo, respectivamente, e un total de 25 minutos para o PSOE.
Igrexas formulou dúas cuestións de orde reclamando o cumprimento do regulamento orgánico do Pleno, que no seu artigo 55.2 estabelece de maneira “clara e incontestábel” que nos debates o grupo de Goberno só dispón de un único turno de intervención, como os restantes grupos políticos, e un final de réplica. Diante da actitude autoritaria do alcalde, Abel Caballero, que desatendeu os reclamos do BNG, o edil nacionalista abandonou a sesión plenaria en protesta durante a intervención de Font, para despois reincorporarse ao remate do debate e participar da votación.
“Se o PSOE consideraba que a concelleira de Urbanismo, María José Caride, non tiña capacidade bastante para explicar e defender de maneira solvente a posición do seu grupo, o que tiñan que facer era reconsiderar se era a persoa indicada para intervir e se é a adecuada para dirixir a área de Urbanismo”, contrapuxo Igrexas.
Respeito ás regras de xogo
O portavoz municipal nacionalista demandou ao rexedor que rectifique o seu talante antidemocrático, no que confunde “unha maioría absoluta lexítima e democrática, que o BNG respeitamos, cunha especie de ditadura romana”, instándoo a respeitar as “regras de xogo democrático” e a cumprir o regulamento orgánico do Pleno que foi modificado en 2016 polo propio PSOE.
“Xa estamos demasiado afeitas e afeitos á permanente falta de respeito ao Pleno, que é faltarlle o respeito ás viguesas e aos vigueses”, criticou Igrexas, aludindo ao sistemático abandono das sesións por parte do alcalde cando se inicia o debate de mocións ou á “desfachatez” de ausentarse do último pleno cando inda estaba sesionando para dar unha rolda de prensa. “Non se trata só de pedir respeito ao BNG, senón de que se respeite o máximo órgano de representación democrática da cidade”, remachou.
Modificación puntual do Barrio do Cura
O BNG abstívose na aprobación provisional da modificación puntual do PXOU do 93 para o ámbito do Barrio do Cura. Igrexas, motivou esta posición en recoñecer a necesidade dunha intervención urbana nun ámbito historicamente degradado, mais na discrepancia de que se acuda a unha vía urxente cun “parche ad hoc” para esta promoción privada a poucos meses de que se presente o novo PXOM.
“Que presa hai agora se durante o PXOM anulado, de 2008 a 2015, non se moveu unha soa pedra nese ámbito?”, inquiriu, reclamando unha visión “integral e de conxunto” e non unha ordenación urbanística “a pedazos” en favor de determinados proxectos e determinados grupos empresariais. “Onde está o interese público xeral que xustifique traer esta modificación? O único interese é o do grupo promotor privado e o do fondo de investimento voitre que está detrás del”, insistiu.
O portavoz municipal nacionalista tamén criticou que se rexeitaran 2 de cada 3 alegacións veciñais ao proxecto, nas que se demandaba unha maior protección ambiental e patrimonial, así como a raquítica reserva de vivenda protexida.
“Di o PSOE que esta modificación puntual é unha boa noticia. Desde logo para quen non o será é para as 5200 viguesas e vigueses rexistrados como demandantes de vivenda protexida, nunha cidade que xa conta con 18.500 pisos baleiros, cando vexan que de 400 vivendas só 36 terán algún grao de protección”, argumentou na sesión plenaria. Nese sentido, Igrexas, cualificou de “resort de luxo con vistas privilexiadas á ría” o proxecto inmobiliario.