Miranda pide a Blanco que non tape cunha mentira a súa incompetencia na defensa do porto de Vigo
O BNG traballará para que o peirao vigués reciba o maior investimento a través da autoestrada do mar Alxeciras-Vigo-Nantes-Saint Nazaire
Vigo, 25 de abril 2014.- A candidata do BNG ás eleccións europeas do 25 de maio, Ana Miranda, pide ao José Blanco que non intente tapar cunha mentira o seu abandono e a súa incompetencia política na defensa do Porto de Vigo que, -co posterior apoio inestimable dos votos do PP na Eurocámara-, tivo como consecuencia que un dos motores económicos de Vigo e de Galiza quedase fora do primeiro nivel das infraestruturas de transporte europeas e perda millóns de euros en investimentos.
Miranda replica así as explicacións dadas polo ex ministro en Vigo quen admitía a súa responsabilidade na exclusión do Porto vigués da rede principal de transporte da UE.
Non é de recibo que veña agora en precampaña electoral a sumar propaganda a súa incompetencia na defensa do primeiro porto de pesca fresca de Europa, transmitindo a falsa idea de que pode ser incluído nas infraestruturas de primeiro nivel nun deseño que está pechado ata 2020. A non ser que pense perpetuarse na Eurocámara máis aló desa data, explica Miranda.
Neste sentido, a candidata nacionalista lembrou que o BNG foi o único que defendeu o Porto de Vigo desde o primeiro ao último minuto na Eurocámara, onde os votos en contra de PP e PSOE na Comisión de Infraestruturas do Parlamento Europeo de decembro de 2012 terminaron por acabar coas opcións do Porto de Vigo, nunha votación na que, sen embargo, logrou entrar na categoría de infraestrutura principal o Porto de Tenerife, cos mesmos votos dos mesmos eurodeputados do PP e PSOE que lle deron as costas a Vigo.
Agora, subliña Miranda, a "opción real" é acadar o maior financiamento posible para o porto impulsando a autoestrada do mar que integraría ao peirao vigués, tendo en conta que estas infraestruturas tamén teñen categoría de principais no deseño europeo das redes de transporte e, polo tanto, aceso a investimentos.
Que o señor Blanco diga a estas alturas que vai modificar o seu erro no programa electoral ás europeas e pura propaganda que non merecen os vigueses e viguesas, lamenta Miranda. O BNG traballará na Eurocámara desde o primeiro momento da próxima lexislatura para que, o proxecto de autoestrada do mar que cruza desde Alxeciras-Vigo-Nantes-Saint-Nazaire, obteña o máximo investimento posible. O demais, ganas de cubrir a incompetencia con enredos, subliñou.