Olaia Fernández defende no Congreso que Fomente realice melloras nos piares da ponte de Rande
A portavoz do BNG pide ao Ministerio que faga una estudo sobre o estado da estrutura da ponte, que sofre corrosión e deterioro
A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, presentou unha pregunta por escrito e unha proposición non de lei na que insta ao Ministerio de Fomento a emprender obras de mellora e mantemento da estrutura da Ponte de Rande dado o deterioro que se observa nos piares da ponte.
Davila alude á inspección submariña encargada polos veciños da zona preocupados porque hai tempo que se detectaron algunhas fisuras e elementos de corrosión polo paso do tempo e o feito de que os piares estean na auga.
Trátase unha infraestrutura de grandes dimensións situada en plena Ría de Vigo e cuxo estado preocupa aos habitantes do lugar pola posibilidades futura de que se puidesen producir accidentes, explicou.
De aí a necesidade de adoptar medidas preventivas, sinala Davila. A deputada do BNG menciona o estudo que fixeron os veciños e veciñas. Nas inmersións realizadas localizáronse fisuras de corrosión nas piares e varias planchas de aceiro na base das zapatas que poderían proceder de posíbeis desprendementos. Este informe e as súas conclusións foron trasladados ao Ministerio de Fomento.
Lembra Davila que o BNG xa se dirixiu en ocasións anteriores a Fomento para demandarlle unha inspección submariña para controlar o estado da ponte. Consideramos que é hora de que o Ministerio faga algo e adopte as actuacións precisas.
Por iso, considera a parlamentar nacionalista que o axeitado é que primeiro Fomento realice un estudo sobre o estado da ponte e logo proceda a aprobar a realización de obras que garantan unha maior seguridade e confianza.