O BNG logra o acordo do Congreso para respectar especificidades de partidos xudiciais como o de Vigo

O BNG logra o acordo do Congreso para respectar especificidades de partidos xudiciais como o de Vigo

Olaia Fernández recalcou que “ninguén entendería que unha cidade como Vigo quedase sen partido xudicial”

DSC00181

A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, logrou este mediodía que a Comisión de Xustiza da Cámara aprobase a instancias do BNG que se teñan en conta as especificidades xeográficas, sociais e económicas coa finalidade de manter partidos xudiciais como o de Vigo e outras cidades galegas importantes.

Acordo transaccional

A Comisión de Xustiza debatía unha proposición de Davila para que non se leve a cabo a proposta de reforma da Demarcación de Planta realizada polo Comité de Expertos para que se estabeleza un único partido xudicial. A deputada do BNG chegou a un acordo transaccional co PP para que “na elaboración do proxecto de lei de reforma da Demarcación e Planta, se teñan en conta as especificidades xeográficas, sociais e económicas propias das diferentes CC.AA, de modo que se deseñe unha estrutura organizativa xudicial flexíbel, moderna e especializadas, en coordinación coas CC.AA con competencias transferidas, a sala de goberno dos Tribunais Superiores de Xustiza e o Consello Xeral do Poder Xudicial”.

A deputada do BNG lembrou que cando o Ministro de Xustiza comparecera no Congreso e lle preguntamos sobre a proposta do modelo dun único partido xudicial por provincia, Gallardón deixou claro que compartía a proposta do Grupo de Expertos sobre a reforma da Lei Orgánica do Poder Xudicial.

Unha proposta, puntualizou Davila, que rebaixaba dos 45 partidos xudiciais actuais que ten Galiza a 13. “De ir adiante esta proposta cidades como Vigo, Ferrol, ou Santiago de Compostela, así como municipios de importantes dimensións que son cabeceiras de comarca se verán privados de partido xudicial, o que provocará un auténtico caos e empeorará o servizo á cidadanía. Ademais, encarecerase a xustiza, será menos accesíbel e cercana e obrigará á cidadanía a continuos traslados”.

Acceso á xustiza

Davila sinalou que “se producirán problemas insalvábeis para moitos cidadáns que finalmente non poderán acceder á xustiza”. A deputada do BNG explicou que en Vigo “tanto procuradores, como avogados, expertos do ámbito da xustiza ou o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza consideran unha barbaridade circunscribir os partidos xudiciais a un por provincia”.

“Dicirlles que no caso de Vigo, onde vivo, a poboación supera á da capital de provincia. Coidan que unha reforma así ten sentido? Parécelles razoábel?”. Para a parlamentar nacionalista “este non é o camiño para solventar os problemas da xustiza” e pediu diálogo con Comunidades Autónomas como Galiza que teñen competencias na materia. “É máis, debería irse cara a transferencia ás CC.AA da competencia en xustiza en lugar de ir cara un modelo centralista”.

Olaia Fernández Davila puxo de manifesto que “aínda hoxe podemos ler nos medios de comunicación unhas declaracións do Vicepresidente da Xunta afirmando que a día de hoxe descoñecen a proposta do Ministerio sobre a Demarcación de Planta e que non houbo diálogo coa Xunta”.

Rematou recalcando que “esta proposición ten unha grande repercusión en Galiza, sobre todo en cidades como Vigo, onde se está á expectativa do que hoxe poida pasar aquí. Ninguén en Vigo entendería que o PP non estivese en dispor de chegar a un acordo co BNG sobre este tema. Ninguén pode entender que unha cidade como Vigo quede sen partido xudicial”.

O BNG logra o acordo do Congreso para respectar especificidades de partidos xudiciais como o de Vigo