O pleno aproba a moción do Bloque que insta á Xunta a facer público o concerto con Povisa

O pleno aproba a moción do Bloque que insta á Xunta a facer público o concerto con Povisa

Iolanda Veloso critica que o PP inxecte cartos públicos nunha empresa privada sen explicalo nin aos grupo do Parlamento nin á cidadanía

 

Vigo, 29 de setembro de 2014.- Cos votos a favor do BNG e do PSOE, e o rexeitamento do PP, o pleno aprobou a moción nacionalista que insta a facer públicos os termos do novo concerto de Povisa. “Preocúpanos a falta de información que supón unha achega de 75 millóns de euros anuais, sabemos que ascende a 75 millóns de euros anuais pero non sabemos para que”, denunciou a portavoz municipal do Bloque.

Iolanda Veloso rebateu a intervención da concelleira popular Teresa Cendón defendendo o concerto entre o Sergas e Povisa e a calidade asistencial do hospital privado. “Esqueceuse de falar da lista de agarda de Povisa, que supera con moitísimo a lista de agarda de calquera hospital deste país”, criticoulle.

A voceira nacionalista salientou que o novo concerto ten carácter voluntario para os pacientes, polo que poden elixir entre ser atendidos en Povisa ou o Sergas. “Supoñamos que todos os pacientes deciden marchar de Povisa. Que pasa cos 75 millóns do concerto”, preguntou.

Neste sentido Iolanda Veloso criticou que o PP inxecte cartos públicos nunha empresa privada pero sen explicar o obxecto do concerto nin en sede parlamentaria nin á cidadanía. “Parece que vostedes pretenden garantir os pacientes que a súa vez garantan os 75 millóns para Povisa”, denunciou.

Por outro lado, criticou que os populares pretendan que a cidadanía elixa adscrición hospitalaria sen que o Sergas facilite información sobre a carteira de servizos. “Nós solicitamos que se dea información personalizada para que cada persoa poida tomar a súa decisión libremente. Non hai escolla libre sen información”, subliñou a portavoz do Bloque.

Emenda san Francisco

Tamén resultou aprobada a emenda presentada polo Bloque a unha moción socialista que insta á Xunta de Galiza a que manteña o servizo aos usuarios do centro ocupacional san Francisco nas mesmas condición que até agora. “Entendemos que o que se reclama é unha cuestión de xustiza”, salientou Iolanda Veloso na súa intervención.

A voceira municipal do BNG defendeu que se trata dunha “cuestión de sensibilidade mínima cara ás persoas”, polo que reclamou que o goberno “escoite ás familias, porque é a súa obriga”. “Deberían saber de que persoas estamos falando e cales son as súas necesidades. Dialoguen vostedes, señores do PP”, concluíu.

Apoio mocións

O Bloque deu o seu apoio a dúas propostas socialistas que instan ao ministerio de Fomento a realizar labores de limpeza nas zonas limítrofes ao trazado ferroviario e a transferir a titularidade da avenida de Madrid coa súa correspondente dotación económica. Asemade, respaldou unha moción dos populares reclamando ao goberno que informe do procedemento para a apertura ao público da piscina da ETEA.

 

O pleno aproba a moción do Bloque que insta á Xunta a facer público o concerto con Povisa