Santi Domínguez critica o afán recadatorio do goberno co cobro de taxas nas instalacións culturais
O concelleiro do BNG, Santi Domínguez, criticou que o goberno local ademais de non promover ningún tipo de iniciativa cultural e deixar esmorecer os contentores culturais de Vigo que tanto custou impulsar, está imprimindo carácter recadatorio as instalacións culturais do Concello.
Santi Domínguez considerou que o goberno da cidade pretende aplicar taxas desorbitadas sen ofertar alternativas ao mundo cultural da nosa cidade. Destacou que dende hai dous anos o BNG vén demandando a elaboración dunha programación cultural estable e un plan dinamizador de todos os contentores municipais e a estas alturas non hai nin unha cousa nin a outra.
Xestión municipal
Para que quere cobrar o goberno se non está facendo nada no eido cultural?, pregúntase o concelleiro nacionalista, ao tempo que aclara que o BNG, tras a o impulso da remodelación do Auditorio Municipal non adxudicou en ningún momento a súa xestión a ningunha empresa, senón que a xestión era estrictamente municipal.
Ao respecto Santi Domínguez salienta que o Bloque nunca cobrou taxas ás compañías por utilizar as instalacións do Auditorio municipal, senón os gastos do persoal necesario para o desenvolvemento das actuacións. E para espectáculos de entidades sociais nin iso, puntualiza.