O BNG defenderá no pleno que a Xunta recupere o carácter gratuíto do salvamento marítimo
A portavoz municipal do BNG, Iolanda Veloso, explica que o Bloque reclamará no vindeiro pleno a derrogación do Decreto 130/2012 (do 31 de maio) co obxectivo de establecer o carácter gratuíto e universal das operacións de salvamento marítimo que realicen unidades do Servizo de Gardacostas de Galiza. A nacionalista critica que as decisións tomadas polo goberno galego a este respecto incrementan os índices de risco até uns niveis absolutamente intolerábeis.
A iniciativa do Bloque tamén demanda o rescate da venda dos helicópteros de salvamento marítimo "Pesca I" e "Pesca II" e a súa devolución á titularidade pública galega. Cómpre garantir o cumprimento dos tempos de resposta estabelecidos (máximo de dez minutos) as 24 horas dos 365 días do ano, a través do sistema de gardas presenciais na base e coas tripulacións precisas, subliña Iolanda Veloso.
Maior taxa de sinistralidade
A portavoz municipal do BNG lembra que o sector pesqueiro galego é o que padece a maior taxa de sinistralidade de todo o Estado español. Aínda que representa, en canto á súa dimensión, apenas o 50% do conxunto do Estado. Lamentablemente sofre o 80% de sinistralidade mortal por razón de afogamento ou hipotermia, apunta.
Ao seu xuízo, a irresponsábel degradación, privatización e precarización do servizo de salvamento marítimo en Galiza xa ten provocado consecuencias irreparábeis, como é o falecemento de Mercedes Veiga, a percebeira de Oia que perdeu a súa vida o pasado 12 de decembro, mentres desenvolvía o seu traballo.
Este tráxico desenlace evidenciou o retraso na actuación do helicóptero "Pesca I", vulnerando o establecido no contrato que vincula á Xunta de Galiza coa empresa INAER Helicópteros Off Shore, S.A.U., en relación cos tempos de resposta, sinala a nacionalista.
Iolanda Velos critica, por outro lado, que en moi curto espazo de tempo son varias as decisións do goberno galego que degradaron os niveis de seguranza marítima existentes no litoral galego. Ao respecto menciona o establécemento de tarifas de cobro para os buques pesqueiros que precisen de asistencia, aínda en risco de afundimento, así como a eliminación do "Seguro Colectivo de Accidentes no Mar", con cobertura automática a todas e todos os profesionais do mar que sufriran algún percance ou mesmo a morte.
Segundo destacou a portavoz nacionalista, estas decisións non supoñen aforro algún, senón privatización e obtención de beneficios económicos por parte de empresa privadas.