Serafín Otero critica a falta de medidas para frear o desemprego e a desindustrialización

Serafín Otero critica a falta de medidas para frear o desemprego e a desindustrialización

O candidato nacionalista alerta de que desde 2008 o paro na cidade aumentou un 65% coa destrución de 13.700 postos de traballo

 

Vigo, 4 de febreiro de 2015.- O candidato do BNG ás vindeiras eleccións municipais, Serafín Otero, denunciou a inexistencia de medidas que poñan freo ao desemprego na cidade e a desertización industrial, ao haber 1064 vigueses e viguesas máis sen traballo que no mes anterior, chegando aos 32.594 parados. Otero criticou tanto aos gobernos do PP nas distintas administracións como ao PSOE no goberno municipal, quen debe ter como prioridade no Concello “evitar que a falla de emprego empurre a ninguén á pobreza”.

“O último dato do paro rexistrado confirma que se continúa a destruír emprego na cidade”, subliñou o candidato do Bloque, quen explicou que desde xaneiro de 2008 até hoxe o paro aumentou un 65%, e nestes anos destruíronse 13.700 postos de traballo, unha parte moi importante deles no sector industrial e na construción. Segundo asegurou, estes son os efectos da crise máis tamén, e sobre todo, das políticas económicas e de recorte iniciadas polo PSOE e continuadas agora polo PP en Madrid e na Xunta.

Serafín Otero apuntou que a crecente desertización industrial de Vigo e comarca condena a que a única fonte de emprego, “precario e temporal”, sexa o sector servizos. “Porén desde o BNG defendemos que o futuro pasa por un Vigo fortemente industrial, desenvolvendo todas as súas capacidades produtivas, na construción naval, na automoción, pero tamén no sector tecnolóxico e na innovación”, salientou.

Para acadar estes obxectivos, o candidato nacionalista subliña que hai que actuar de maneira decidida, “mais facelo posíbel esixe vontade política, e a Xunta de Feijóo limítase a ollar cara outro lado”. Otero asegurou que “é hora de intervención pública directa na economía, poñendo todas as capacidades e tamén os recursos para poñer en marcha a economía produtiva”.

Medidas para impulsar a economía

Ao respecto, Serafín Otero salientou que o Bloque propón medidas concretas para impulsar a economía galega, como a creación dun Instituto Galego de Crédito e unha Corporación Industrial Pública Galega. “Só así frearemos este devalar que ameaza seguir a empobrecer inda máis ao pobo e a converter Vigo nunha cidade pantasma. Non imos consentir que as políticas de dereita do PP fagan agora con Vigo o que hai 30 anos, daquela do PSOE, fixeron con Ferrol”, destacou.

Para o candidato do BNG, neste contexto a prioridade do Concello debe ser “poñer todo da súa parte” para reforzar ao máximo as axudas sociais e a rede de cobertura, desatascando o colapso dos servizos sociais municipais. “Por iso reclamamos un cambio de rumbo na política local, porque en lugar de primar o gasto inaugurábel con fins partidistas, como faio actual goberno municipal, o que hai que facer é potenciar os servizos sociais”, defendeu.

 

Serafín Otero critica a falta de medidas para frear o desemprego e a desindustrialización