Iolanda Veloso: O resultado da enquisa demostra a realidade das denuncias do BNG sobre transporte"
A portavoz do grupo nacionalista reclama que o goberno local poña en marcha as medidas aprobadas no pleno, como a realización da consultoría, a reestruturación das liñas e o bonobús para desempregados
Vigo, 28 de xaneiro de 2015.- A voceira municipal do BNG, Iolanda Veloso, destacou que o informe da OCU que indica que o transporte público vigués está entre os peor valorados de 16 cidades demostra o que o BNG leva tempo denunciando. Neste sentido criticou que o transporte público de Vigo non se adapta en absoluto ás necesidades da cidadanía, e por iso o Bloque presentou unha moción no pleno celebrado o pasado 1 de decembro e que foi aprobada co apoio do PP.
Desgraciadamente o alcalde empéñase en vendernos unha cidade fermosa, pero a realidade é que non resolve os problemas da cidade nin mellora a calidade de vida dos vigueses e viguesas, salientou Iolanda Veloso, quen instou ao goberno municipal a cumprir os acordos incluídos na moción nacionalista.
Lembrou que ademais de pedir a conxelación das tarifas do billete ordinario e das diferentes tarxetas, a moción aprobada reclamaba a creación dun bonobús para persoas desempregadas de longa duración con ingresos inferiores ao salario mínimo interprofesional, así como a realización dunha auditoría para coñecer os datos reais do transporte público vigués.
Recurso social
A portavoz municipal do BNG sinalou que os problemas do transporte público da cidade son sufridos polos usuarios e usuarias todos os días, traducidos en maiores tardanzas entre as frecuencias e eliminación de paradas e polo tanto eliminación de frecuencias. Para Iolanda Veloso, solucionar estes problemas debería figurar entre as prioridades dun goberno local, en tanto que o transporte público é un recurso social básico, xa que a cidadanía o utiliza nun gran número de casos para achegarse ao seu posto de traballo.
Ademais, considerou que debería ser prioritario para as administracións desde o punto de vista medioambiental, xa que contribuiría ao desenvolvemento sostible da cidade. Porén, temos un transporte mal xestionado, e que semella que ao alcalde non lle preocupa o máis mínimo, denunciou.