Serafín Otero: “O futuro industrial de Vigo non pode pasar por máis precariedade e peores salarios”

Serafín Otero: “O futuro industrial de Vigo non pode pasar por máis precariedade e peores salarios”

O candidato á alcaldía do BNG valora positivamente a carga de traballo comprometida coa adxudicación dun novo modelo á factoría viguesa de PSA

Critica o uso partidista por PP e PSOE do anuncio e demanda da Xunta unha nova política industrial

 

Vigo, 16 de decembro de 2014.- O anuncio da adxudicación da fabricación dun novo modelo á factoría viguesa do grupo PSA Peugeot Citroën foi valorada como unha “boa noticia” por parte do candidato do BNG á alcaldía de Vigo, Serafín Otero. O nacionalista puxo en valor que se garanta a carga de traballo e a produción para os vindeiros anos nun sector estratéxico para a economía de Vigo, e que representa un importante número de postos de traballo directos e indirectos.

O cabeza de lista do Bloque lamentou que a decisión de París se ligue a recortes nas condicións salariais e laborais. “O futuro industrial de Vigo non pode pasar por máis precariedade e peores salarios” sostivo, reiterando o total apoio do BNG aos e ás traballadoras de Citroën da industria auxiliar fronte ao empobrecemento dos salarios e o endurecemento das condicións nas que traballan.

Uso partidista

Otero criticou o “uso partidista” que na súa opinión fixeron do anuncio tanto o Presidente da Xunta como o Alcalde, atribuíndose o mérito de lograr esa decisión. “Se Citroën aposta por Vigo é pola capacidade e enorme cualificación que teñen demostrado os e as traballadoras da factoría de Balaídos, que son as que co seu esforzo fabrican os vehículos” defendeu.

Outra política industrial

O candidato demandou tamén á Xunta de Galiza unha nova política industrial que poña freo á “desertización” que padece o sector, que rexistra unha continuada destrución de emprego. “O BNG apostamos por un Vigo cunha industria forte, pero iso exixe tamén outras políticas públicas” defendeu, reclamando a Feijóo “que se deixe de propaganda e autobombo e adopte medidas reais para poñer en marcha as enormes capacidades produtivas que ten a nosa industria”.

 

Serafín Otero: “O futuro industrial de Vigo non pode pasar por máis precariedade e peores salarios”