O BNG insta ao goberno galego a dotar aos servizos de urxencias de Vigo de persoal e medios precisos

O BNG insta ao goberno galego a dotar aos servizos de urxencias de Vigo de persoal e medios precisos

Carme Adán acusa ao PP de discriminar Vigo na atención sanitaria e reclama que se atendan de forma inmediata as reivindicacións do persoal de urxencias do Meixoeiro

 

Vigo, 19 de decembro de 2014.- A deputada do BNG, Carme Adán, rexistrou esta mañá unha proposición non de lei no Parlamento galego na que insta á Consellaría de Sanidade “a dotar aos servizos de urxencias dos hospitais de Vigo do persoal e os medios necesarios para dar unha resposta de calidade aos e ás pacientes que ingresen neste servizo”.

Para a deputada nacionalista, a situación que desde hai meses sofre a área sanitaria de Vigo é “lamentable como consecuencia da desidia e discriminación do Partido Popular e os seus intereses privatizadores”. Por este motivo, a iniciativa parlamentar defende que de forma singular se atenderá “con carácter inmediato as reivindicacións do persoal de urxencias do Meixoeiro”.

Carme Adán denuncia que a xestión sanitaria do PP, durantes estes anos, estivo baseada no peche masivo de camas e a reducción de persoal. “Precisamente así o levan denunciando en en reiteradas ocasións as plataformas en defensa da sanidade pública nas diferentes areas sanitarias de Galiza”, apunta.

“O goberno galego e a Consellería de Sanidade non poden mirar cara outro lado”, subliña a deputada do Bloque, en referencia a feito de que entre o Hospital Meixoeiro e o Hospital Xeral máis de 30 camillas estaban nos corredores con pacientes. “A esta situación súmase que moitos dos pacientes que estaban nos boxes, cheos, deberían estar en camas de observación ou ben xa ingresados nas plantas do hospital pero que, por falta de prazas, non tiñan onde”, denuncia.

Folga por decisión unánime

Segundo Adán, a Consellería “non debería obviar que a folga do Meixoeiro foi tomada por unanimidade por parte dos facultativos”. Ao seu xuízo, atender as súas demandas “é necesario para que a atención sanitaria sexa a que debe ter a cidadanía da comarca de Vigo”.

Ao respecto a deputada lembra que o persoal sanitario reclama que as noites de martes, mércores e xoves haxa catro médicos en lugar de tres, como xa ocorre os luns e venres; e que tamén piden que haxa cinco médicos no canto de catro os fins de semana durante o día.

 

O BNG insta ao goberno galego a dotar aos servizos de urxencias de Vigo de persoal e medios precisos