Vence: “Os datos do paro de marzo constatan o fracaso total das políticas do Partido Popular"

Vence: “Os datos do paro de marzo constatan o fracaso total das políticas do Partido Popular"

O portavoz nacional afirma que Galiza está na peor situación das comunidades, xa que o crecemento do emprego é "menos da metade da media do estado español"

 

Vigo, 6 de abril de 2015.- O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, fixo unha valoración dos datos do paro rexistrado correspondentes ao mes de marzo e destacou que amosan que Galiza está na peor situación das comunidades autónomas. Segundo destacou, estas cifras son “a constatación dun fracaso total das políticas do Partido Popular tanto no eido económico como no eido laboral”.

“O crecemento do emprego no mes de marzo e no último ano é menos da metade da media do estado español, está moi lonxe da evolución do emprego no conxunto español e tamén nas comunidades autónomas como Madrid, Cataluña ou mesmo Andalucía”, explicou Vence, quen ao seu xuízo simbolizan o “problema social que ten este país”.

Xavier Vence destacou que Galiza conta, en total, con máis de 287.000 persoas en situación de desemprego, posto que o paro rexistrado suma 252.000 persoas, pero a elas hai que sumarlles as 18.000 que están en situación de busca de emprego e as 17.000 que buscan emprego con dispoñibilidade limitada.

Deste xeito, a taxa de paro “de verdade” en Galiza está situada no 27%, segundo denunciou o portavoz nacional.

Baixa cobertura social

“Temos cerca de 300.000 persoas que están buscando emprego e temos moitas desas persoas que están sen cobertura social”, sinalou o portavoz nacional. Segundo comentou ao respecto, esta taxa de cobertura “baixísima e que vai perdendo puntos todos os anos”. Ao seu xuízo esta falta de cobertura provoca unha situación difícil para moitas familias “que é necesario afrontar con urxencia”.

 

Vence: “Os datos do paro de marzo constatan o fracaso total das políticas do Partido Popular"