O BNG reclama que o alcalde dea explicacións dos procesos xudiciais que afectan ao Concello
Iolanda Veloso lembra que o Bloque leva meses pedindo explicacións e pediu a destitución dos concelleiros implicados nos enchufes
Vigo, 30 de marzo de 2015.- No pleno extraordinario celebrado esta mañá sobre a contratación nas empresas concesionarias, a portavoz municipal do BNG, Iolanda Veloso, instou ao alcalde da cidade a dar explicacións sobre os diversos procesos xudiciais abertos que teñen algún tipo de relación co Concello de Vigo.
Non somos nós quen temos que dar explicacións, ten que dalas o propio alcalde como máximo responsable deste goberno, destacou Iolanda Veloso, quen criticou que a reacción ás sucesivas demandas de información por parte do BNG sobre as investigacións xudiciais sexa a calada por resposta.
A voceira nacionalista indicou que existen procesos xudiciais abertos, que teñen que seguir o seu camiño, apuntou. Pero ademais destes procesos abertos, cómpre dar información non só aos partidos políticos, senón sobre todo á cidadanía. Nós pedimos explicacións políticas sobre o que pasa neste concello, destacou.