Xabier P. Igrexas: “Canto máis teñen que subir os alugueiros en Vigo para que Abel Caballero actúe?
A fronte nacionalista interpela o Goberno municipal sobre os avances para facer realidade as 8 medidas recollidas na moción do BNG aprobada no último Pleno, entre elas, a declaración de zona tensionada, a limitación de pisos turísticos e un parque público de vivenda social
O portavoz municipal do Bloque alerta de que os prezos dos alugueiros aumentaron un 9% no último ano e nos tres primeiros meses de 2024 houbo de media un desafiuzamento cada día
O Bloque Nacionalista Galego vén de preguntar o Goberno municipal cando ten pensado actuar para enfrontar o problema do acceso á vivenda en Vigo. A fronte nacionalista anuncia que vai interpelar na vindeira Xerencia Municipal de Urbanismo para coñecer que avances ten dado o Concello para facer realidade as 8 medidas recollidas na moción do BNG aprobada no último Pleno, entre elas, a declaración de zona tensionada, a limitación de pisos turísticos e un parque público de vivenda social.
“Canto máis teñen que subir os alugueiros en Vigo para que Abel Caballero actúe? Que máis ten que pasar para que o Concello deixe de estar de brazos caídos e tome algunha medida diante do gravísimo problema da vivenda? Cantas viguesas e vigueses teñen que ser expulsadas da súa cidade por non poder permitirse o luxo de vivir en Vigo?, cuestionou a este respecto o portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas.
Así, as nacionalistas alertan de que os prezos dos alugueiros seguen aumentando na cidade, un 9% no último ano (o triplo que o incremento do IPC), máis un 6% no que vai de ano, situando en 612,21 euros o mes o prezo medio, segundo os últimos datos oficiais da Xunta de Galiza. Un encarecemento que chega até o 72% acumulado na última década.
Unha realidade á que, advertiron dende o Bloque, hai que engadir o problema dos desafiuzamentos en Vigo “a pesar de que esta realidade teña sido negada de maneira cínica e irresponsábel por parte de Abel Caballero”. Só no primeiro trimestre deste ano 2024 rexistráronse 91 casos, un despexo de media cada día sen alternativa habitacional, a maioría de persoas en alugueiro.
Avanzar nas medidas aprobadas
Por estes motivos, o portavoz municipal do BNG urxiu a que o Concello “faga todo o que pode” para facilitar o acceso á vivenda en Vigo “en lugar de non facer nada”. Igrexas considerou que non “abonda con denunciar a total inacción da Xunta do PP” nesta materia, senón que o Goberno local avance nas medidas a nivel municipal recollidas na moción do BNG que foi aprobada no último Pleno.
Entre elas, destacou a necesidade de iniciar a tramitación para declarar Vigo como zona tensionada de vivenda para poder aplicar as limitacións legais aos prezos dos alugueiros. “Unha medida prevista nunha lei aprobada no Estado polo mesmo PSOE que goberna en Vigo”, subliñou Igrexas, lembrando que outras cidades galegas como A Coruña e Santiago de Compostela xa a solicitaron.
Dende o Bloque insistiron tamén na necesidade de avanzar noutros puntos da proposta nacionalista, como aprobar unha ordenanza municipal que free en seco o “fenómeno ultraespeculativo” dos pisos turísticos; poñer en marcha un Plan municipal facilitador do alugueiro na cidade; impulsar un parque público de vivenda social, facendo uso dos aproveitamentos urbanísticos que lle corresponden ao Concello e incorporando as vivendas baleiras da Sareb e de grandes propietarios de vivenda; así como crear dunha vez unha Axencia Local de Vivenda Protexida e Social, como prometera Abel Caballero antes de ser alcalde no ano 2007.