O BNG propón alternativas ao problema da vivenda en Vigo: zona tensionada, límite aos pisos turísticos e alugueiros sociais
A fronte nacionalista trasladará unha moción ao Pleno cunha batería de medidas para que o Concello, a Xunta e o Goberno español actúen con urxencia para frear o aumento “disparado” dos alugueiros e facilitar o acceso social á vivenda
Xabier P. Igrexas: “Cantas viguesas e vigueses máis teñen que ser expulsadas da cidade, por non poder permitirse vivir aquí, para que Caballero poña en marcha unha soa medida?”
O Bloque Nacionalista Galego propón alternativas ao “grave” problema de acceso á vivenda en Vigo como declarar a cidade zona tensionada, limitar as pisos turísticos e despregar un parque público con alugueiros a prezos asequíbeis. A fronte nacionalista vén de presentar unha batería de medidas, que trasladará nunha moción ao Pleno municipal deste vindeiro luns, para reclamar que o Concello, a Xunta e o Goberno español actúen con urxencia para garantir este dereito básico.
“O continuado e disparado encarecemento dos alugueiros, a redución de vivendas dispoñíbeis polo brutal avance do fenómeno ultraespeculativo dos pisos turísticos e a ausencia dun parque público pola inacción dos Gobernos galego e local son as tres causas principais que impiden o acceso a este ben esencial”, subliñou o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, durante a presentación das propostas.
O voceiro nacionalista alertou dos prezos dos alugueiros “desesperantes” na cidade que rexistran “máximos históricos” cun aumento do 48,46% durante a última década, tal como expoñen os datos oficiais do Observatorio da Vivenda de Galiza
Así, o prezo por metro cadrado acadou os 9,8 euros incrementando un 5,5% no último ano, segundo un informe do portal inmobiliario Idealista, o que fai que os arrendamentos en Vigo sexan de forma estrutural un 22% máis elevados que a media galega.
A dificultade para atopar un alugueiro accesíbel queda en evidencia, a xuízo das nacionalista, no feito “alarmante” de que 7 de cada 10 habitacións en vivendas compartidas superen xa os 300 euros de mensualidade. Unha situación que afecta con especial crueza ás persoas de menores recursos e en situación de vulnerabilidade social.
Parque público de vivenda social
Dende a fronte nacionalista acusan tanto ao Concello de Vigo, como á Xunta de Galiza e ao Goberno español de “inacción” e dunha “política de brazos caídos” diante deste contexto. En particular, Igrexas lamentou que a maior cidade galega careza aínda dun “imprescindíbel” parque público de vivenda social, malia que o Goberno galego ten plenas competencias na materia e o municipal ten “amplas capacidades e recursos” para facelo.
Por este motivo, Igrexas urxiu a mobilizar as 22 mil vivendas baleiras que existen na cidade, segundo consta nos datos do Instituto Nacional de Estatística (INE), co obxectivo de incorporar nese parque público con alugueiros a prezos accesíbeis para a maioría social. Nesa liña, chamou a poñer en marcha unha Axencia Local de Vivenda Protexida e Social que permita desenvolver estas políticas, xunto cun Observatorio Local da Vivenda para fiscalizar a evolución do mercado.
“A que espera o Goberno de Abel de Caballero para actuar? Que máis ten que pasar? Canto máis teñen que subir os prezos dos alugueiros? Cantas viguesas e vigueses máis teñen que ser expulsadas da cidade por non poder permitirse vivir aquí para que o Concello poña en marcha unha soa medida?”, interpelou o portavoz do BNG o alcalde de Vigo.
50% das vivendas de Navia en alugueiro social
A fronte nacionalista afeou que o Goberno galego do PP non teña despregado ningunha iniciativa na cidade nesta materia malia que Vigo é a urbe galega con maior número de persoas inscritas (case 7.000) como demandantes de vivenda protexida, a maioría para alugueiro. Así, demandou que no mínimo a metade das 1.600 vivendas previstas no Plan Parcial de Navia se destinen para alugueiros sociais.
Declarar Vigo como zona tensionada da vivenda
Fronte a estes prezos “imposíbeis” dos alugueiros, dende o Bloque consideran que a medida máis urxente pasa porque o Concello de Vigo inicie os trámites para lograr a declaración da cidade como zona tensionada do mercado da vivenda, na liña dos concellos da Coruña e Santiago de Compostela, para poder despregar ás medidas de contención previstas na lei estatal para frear a escalada continuada dos prezos.
Freo aos pisos turísticos
A xuízo das nacionalistas, a falla de oferta de vivendas para alugueiro residencial -menos de 400 na actualidade e un 23% menos dende 2022 segundo datos da Asociación Galega de Inmobiliarias (Again)- está relacionada directamente coa proliferación das vivendas de uso turístico que superan as 1.600 e, segundo as previsións do sector, superarán as 2.000 este ano.
Diante desta situación, o BNG reiterou a necesidade de que o Concello elabore unha ordenanza municipal que permita regular este “fenómeno ultraespeculativo”, aplicando ademais unha moratoria de cinco anos na autorización para novas vivendas de uso turístico. “Nin un piso turístico máis en Vigo mentres non logremos facer accesíbel o alugueiro”, afirmou Igrexas.
Plan Municipal Facilitador do Alugueiro
Outra das propostas nacionalistas pasa por poñer en marcha un Plan Municipal Facilitador do Alugueiro, diante das crecentes dificultades e esixencias para acceder a unha vivenda. Unha iniciativa que permitiría que o Concello asuma e responda polos avais e seguros que están reclamando as e os propietarios de cara a subscribir os contratos de alugueiro, así como unha liña de axudas municipais para anticipar os pagos das fianzas e permitir a súa devolución en 24 meses sen xuros, destinada especialmente a mocidade e persoas con baixos recursos.
Cesión das vivendas da Sareb
Con respecto ao Goberno español, dende o BNG consideran que tampouco ten despregado as medidas precisas para actuar ante o problema da vivenda, pola continua negativa na práctica a destinar as vivendas das que é titular a Sareb (participada maioritariamente polo Estado) a usos sociais e cesar nas prácticas de acoso inmobiliario contra poboación vulnerábel, como o que padecen desde hai varios anos a veciñanza da Privada Moderna no Calvario.
CONSULTA AQUÍ A MOCIÓN COMPLETA DO BNG