Xabier P. Igrexas: “Imos empurrar desde abaixo e cun sorriso o proxecto do BNG para resetear Vigo en positivo”
O BNG vén de poñer en marcha a súa Comisión Electoral en Vigo definindo as liñas estratéxicas dunha precampaña expansiva, a pé de rúa e centrada en presentar as súas alternativas
A fronte nacionalista mobilizará a toda a súa militancia e simpatizantes para despregar en todos os barrios da cidade o proxecto de cidade co que queren levar “Vigo máis alá”, lema de precampaña
O Bloque Nacionalista vén de constituír e poñer en marcha a súa Comisión Electoral en Vigo. Cando restan 176 días para as eleccións municipais de maio de 2023, a fronte nacionalista xa iniciou o traballo de definición das súas liñas estratéxicas e a planificación dunha precampaña “expansiva, a pé de rúa e centrada en presentar alternativas”.
O actual portavoz municipal e candidato á alcaldía, Xabier P. Igrexas, chamou a “empurrar desde abaixo e cun sorriso o proxecto co que o BNG queremos resetear Vigo en positivo”. “Fronte a quen só ofrece máis do mesmo, a quen instalou a cidade nunha inercia paralizante e nos quere reducir a un parque temático, o BNG imos dedicar todos os esforzos a explicar as nosas propostas coas que darlle un novo impulso a Vigo, falando do que de verdade lle importa e preocupa ás viguesas e aos vigueses. Fronte a política gris cemento, que está deixando a cidade atrás, nós apostamos nun verde de futuro para levar Vigo máis alá”, explicou.
Igrexas defendeu “as eleccións de maio do ano que vén son unha oportunidade para volver poñer en marcha a cidade”. Neste sentido, apelou a enfrontar os comicios locais “con ilusión, con optimismo e con toda a ambición, sen límites nin teitos”.
“O noso obxectivo é que o BNG sexamos unha forza determinante no Pleno para facer posíbel o cambio de rumbo que precisa Vigo e para facer da nosa cidade o motor de cambio para toda Galiza”, sinalou o candidato
A Comisión Electoral, integrada por dez persoas, estará encabezada pola deputada e responsábel local da fronte nacionalista en Vigo, Carmela González, como coordinadora de campaña. Na súa primeira xuntanza a comisión avanzou na definición das liñas estratéxicas e a planificación do traballo que van desenvolver, desde xa, na precampaña coa que van multiplicar a presenza en todos os barrios e parroquias mobilizando a toda a militancia e persoas simpatizantes do BNG na cidade.
González puxo en valor a proposta política liderada por Igrexas, como “unha alternativa de futuro para a maior cidade do noso País” e que van dirixir “a todas as viguesas e vigueses que saben e senten que a cidade merece máis, que queren que o Concello atenda as necesidades reais da xente e dos barrios e non se limite a xestionar un grande parque temático, a todas as persoas que queren que Vigo recupere o seu papel como motor de Galiza”.
Completar a configuración, xa avanzada, do primeiro tramo da candidatura, abordar a elaboración participativa dun programa “aberto e que quere sumar” e desenvolver unha intensa rolda de contactos e encontros cos movementos sociais e visitas a todos os barrios, son os elementos centrais da folla de ruta coa que o Bloque aspira a multiplicar apoios en Vigo.