Xabier P. Igrexas a Abel Caballero: “Confunde Vigo co seu embigo”
O BNG rexeita os orzamentos municipais para 2024 por estar “elaborados de costas á cidade”, non atender as necesidades reais das viguesas e vigueses e insistir no abandono dos barrios e parroquias
O PSOE tombou co seu voto en contra as alegacións do movemento veciñal, defendidas polo Bloque a través dun voto particular, como xa fixera coas 138 emendas parciais da fronte nacionalista
Critica que o alcalde impuxese un “Pleno exprés” de menos de 30 minutos para a aprobación definitiva das contas do Concello para o vindeiro ano 2024
O Bloque Nacionalista Galego rexeitou o proxecto de orzamentos municipais do Concello de Vigo para o ano 2024 durante o Pleno celebrado este mércores no que se someteu o proxecto de presupostos á súa aprobación definitiva.
O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, resumiu as contas en “máis do mesmo, inercia e fume”. Neste sentido, criticou que o gasto do Nadal do vindeiro ano sexa o triplo que no ano 2020 mentres as axudas sociais municipais reducen o seu orzamento á metade, evidenciando que “se lle vira as costas ao contexto de grave crise social que atravesa a cidade”.
Aliás, denunciou que mentres o ascensor HALO vai superar os 16 millóns de euros de custe, os fondos dedicados ao mantemento das beirarrúas nos barrios da cidade pasa de 500 mil a 200 mil euros. Outro dos aspectos denunciados do proxecto de orzamentos é que insistan en “avanzar na privatización do Concello”, facendo que 2 de cada 3 euros das viguesas e vigueses vaian parar aos petos das grandes empresas concesionarias e adxudicatarias, cando hai preto de 400 prazas de persoal municipal sen adxudicar pola inexecución das Ofertas de Emprego Público nos últimos anos.
Pleno exprés
Igrexas centrou boa parte da súa intervención en denunciar o talante autoritario do Goberno municipal, a principiar pola imposición por parte do alcalde dun formato de debate “exprés” que fixo que o Pleno durase menos de 30 minutos, cando a Xunta de Portavoces acordara -segundo o previsto no Regulmento- quendas de intervención dobres para abordar un debate de tanta trascendencia. “Avergóñanse tanto dos seus propios orzamentos que queren despachalos de maneira exprés. Iso ou é que o alcalde ten apuro para ir de tertuliano a algúnha televisión”, espetou no inicio da súa quenda.
Para o portavoz nacionalista o proceso de elaboración de orzamentos volveu demostrar un “problema de concepción política” do Goberno municipal. “Confunden Vigo co seu embigo”, reprochoulles.
“Por iso néganse a escoitar a ninguén, a aceptar ningunha crítica, nin moito menos a recoller ningunha proposta ou alternativa”
Esa é a razón, para Igrexas, de que o PSOE inadmitise todas as alegacións realizadas polo movemento veciñal, que a fronte nacionalista defendeu no Pleno a través dun voto particular, como xa fixera rexeitando as 138 emendas parciais do BNG na aprobación inicial. Alegacións que demandaban o aumento do gasto social e do investimento nos barrios, aumentar os recursos para garantir a continuidade da ludoteca de Lavadores, devolverlle o dereito á veciñanza de Teis a teren piscina, garantir unha biblioteca no barrio ou mellorar a atención do parque da Riouxa. “Son reivindicacións xustas e propostas razoábeis, pero os seus oídos non soportan nada distinto do palmeo manso”, reprochou ao grupo municipal socialista.
Problema coa democracia
O portavoz nacionalista tamén deixou en evidencia as reiteradas acusacións por parte do “sempre ocurrente portavoz do Goberno [Carlos L. Font]” que nas últimas semanas responsabilizou o BNG de todos os conflitos abertos na cidade como se fixese parte dun “contubernio xudeo-masónico do comunismo internacional en contra de Vigo”, ironizou.
“Se as ANPAs critican que en decembro inda non estean abonadas as becas do comedor, a culpa é do BNG. Se as direccións dos colexios públicos se opoñen á privatización dos e das conserxes, a culpa é do BNG. Se o persoal de Vitrasa se revolve contra 3 anos de convenio caducado e precarización laboral e do servizo, a culpa é do BNG. Se os bombeiros devolven a medalla e denuncia que a cidade non é segura por falla de efectivos, a culpa é do BNG. E se a veciñanza protesta contra o caso que provoca o seu modelo de Nadal a culpa é, claro, do Grinch do BNG”, enumerou Igrexas.
Xabier P. Igrexas: “O problema non son os colectivos que protestan, con toda a razón. Nin tampouco somos o BNG. O problema teno o Goberno municipal coa democracia"
"Non entenden que democracia é moito máis que votar cada catro anos e que a cidade non acaba nos seus 19 asentos neste Pleno”, contrapuxo o edil nacionalista, que denunciou que o “medo do Goberno á xente quedou retratado no dobre check point con máis de 10 axentes da Policía Local mobilizados para custodiar o acceso a un Pleno ao que non asistiu ninguén de público”.