O BNG oponse á aprobación provisional do novo PXOM de Vigo por desoír as alegacións veciñais
A fronte nacionalista cualifica no Pleno como o “maior acto de irresponsabilidade política” do Goberno de Caballero a aprobación dun documento urbanístico que foi elaborado e tramitado “na escuridade dos despachos e sen dialogar con ninguén”
Xabier P. Igrexas: “A resposta do Goberno municipal diante das alegacións é facer oídos xordos porque este Plan Xeral o vai decidir Abel Caballero e solo el”
O Bloque Nacionalista Galego vén de opoñerse este xoves no Pleno municipal á aprobación provisional do novo PXOM de Vigo por desoír a maioría das alegacións veciñais. A fronte nacionalista cualifica como o “maior acto de irresponsabilidade política” do Goberno de Caballero a aprobación dun Plan Xeral que foi elaborado e tramitado “na escuridade dos despachos, sen dialogar con ninguén”.
Así o explicou o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, quen lembrou que o voto nacionalista estaba condicionado á atención das demandas da veciñanza e dos colectivos sociais da cidade. “Veñen de dilapidar unha oportunidade histórica para aprobar un Plan Xeral de consenso, de toda a cidade e para toda a cidade”, lamentou, afeando que este documento, que vai definir o urbanismo da cidade durante máis de dúas décadas, sexa aprobado só cos votos favorábeis do PSOE.
Igrexas defendeu a necesidade dun PXOM que aposte por un modelo de cidade “racional, sustentábel, policéntrico e co urbanismo en favor do interese xeral e non da especulación”. Porén, criticou que o proxecto do Goberno local insista en reducir Vigo ao seu casco urbano mentres “condena ás parroquias a unha foto fixa”.
Vial PO-010 e pelotazo en Cabo Estai
Dende o BNG afearon tamén que o Goberno de Caballero mantén proxectos que van tronzar o rural vigués, como o vial PO-010, malia a ampla oposición veciñal nas parroquias afectadas. “Un vial que vostedes mesmos pretenden executar en 18 anos, case o mesmo tempo de vixencia previsto deste Plan”, reprochou, reiterando a esixencia de que se retire.
En termos de sustentabilidade, o portavoz nacionalista subliñou que este PXOM renuncia á recuperación integral de Samil, e denunciou o “escándalo” de que o Goberno de Caballero queira legalizar pola porta de atrás o pelotazo urbanístico en Cabo Estai para a construción de chalés VIP a pé de mar. Cuestionou ademais que se insista en ampliar os solos industriais en zonas habitadas como Matamá e Valadares.
Igrexas lamentou que este Plan Xeral tampouco vaia dar solucións ao grave problema de acceso á vivenda en Vigo, proxectando vivendas de protección pública que non se van executar “como as 6 mil vivendas prometidas por Abel Caballero en 2007 das que non fixo ningunha” así como renunciando a mobilizar as 22 mil desocupadas na cidade. En termos de mobilidade, tachou de “obsoleto” o modelo do Goberno local por desviar o tráfico rodado en lugar de apostar pola mobilidade colectiva para reducir a utilización do coche privado.
O PSOE tomba a moción do BNG pola sanidade
Durante o Pleno ordinario de decembro, celebrado tamén este xoves, o BNG defendeu unha moción para reclamar o punto e final dos recortes e privatizacións do PP na sanidade pública da cidade. Unha batería de 13 medidas para esixir máis medios económicos, materiais e humanos e para reverter o “negocio” do Hospital Álvaro Cunqueiro e do concerto con Povisa.
A moción resultou rexeitada polos votos en contra do grupo municipal do PP e pola abstención do grupo socialista. “O PSOE nunca votará a prol dunha moción que poña en cuestión o modelo de concerto singular de Povisa, non vaia ser que lle pechen a porta xiratoria”, reprochou Igrexas, en alusión a algún coñecido ex cargo do PSOE que exerce de destacado colaborador da dirección da empresa.
Veciñanza vetada no Pleno
Dende o BNG denunciaron que veciñas e veciños afectados non puideron acceder á sesión malia existir cadeiras baleiras no salón de Plenos e tamén a existencia de “listas negras” nas que se vetou de maneira arbitraria o acceso á sesión. Lembraron, ademais, a petición realizada polas nacionalistas para que o debate da aprobación provisional do novo Plan Xeral se celebrase no Auditorio municipal, en horario de tarde, precisamente para favorecer a asistencia do maior número de persoas.