Xabier P. Igrexas: “As eleccións do 28M están moito máis abertas do que parece e o BNG seremos a grande sorpresa en Vigo”
A fronte nacionalista realizou un encontro de interventoras/es e apoderadas/os para quentar motores de cara a campaña electoral que enceta a vindeira semana
O BNG encara os comicios do 28M “cheos de entusiasmo, con toda a ambición e sen límites” e tende a man “a todas as viguesas e vigueses que non se conforman con máis do mesmo para abrir un tempo novo na cidade”
O Bloque Nacionalista Galego realizou esta tarde en Coia un encontro de interventores/as e apoderados/as como parte dos traballos preparatorios de cara ás eleccións municipais do vindeiro 28 de maio. Nel, o actual portavoz municipal e candidato do BNG á alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, animou á base da fronte nacionalista a realizar unha campaña “tan intensa como positiva, centrada en dar a coñecer a nosa alternativa para impulsar de novo a maior cidade de Galiza, barrio a barrio, parroquia a parroquia, falando con todas e con todos”. “O ruído, o pimpampum e as mensaxes ocas deixámosllas a outros e outras”, ironizou.
Igrexas amosouse convencido de que “o escenario electoral está moito máis aberto do que parece e o BNG imos ser a grande sorpresa en Vigo”, sabendo que a 24 días dos comicios inda hai moitas persoas indecisas e que “a onda de simpatía cara ao BNG na cidade non deixa de medrar”. Neste sentido, o candidato nacionalista afirmou que a súa mensaxe e proposta está dirixida a todas as viguesas e vigueses que non se conforman. “O BNG tendémoslle a man a todas as viguesas e vigueses que saben e, sobre todo, que senten que Vigo merece máis, moito máis. Que non queren máis do mesmo e que aspiran a unha cidade máis habitábel e verde, igualitaria e xusta socialmente, que volva ser o pulmón industrial e produtivo de Galiza, referente de vangarda na creación cultural e que asuma o seu papel como motor de todo un País”.
O actual portavoz municipal puxo en valor o traballo realizado pola fronte nacionalista nos últimos catro anos. “Dicímolo con humildade, pero sen complexos nin falsa modestia, o BNG fomos a oposición real ao desgoberno da inercia e das promesas incumpridas. Nós non xogamos ao canto peor mellor. Acompañamos, con rigor e solvencia, cada denuncia ou cada crítica dunha proposta. Por iso resetear Vigo en positivo só pode pasar por un BNG determinante”, proclamou, destacando as máis de 850 propostas e iniciativas despregadas a nivel municipal no último mandato.
Sen límites e con toda a ambición
“Hai quen quere facernos crer que nada pode cambiar. Que xa todo está feito. Que os resultados das eleccións están predeterminados. Pero o único certo é que cando se abran as urnas o vindeiro 28 de maio, Abel Caballero e mais eu teremos o mesmo número de asentos no Pleno: ningún. Van ser as viguesas e os vigueses quen co seu voto definan o rumbo da cidade escollendo entre máis do mesmo ou levarmos Vigo máis alá”, enfatizou Igrexas, sinalando que “ningunha enquisa puido anticipar que 32 mil viguesas e vigueses colleron a papeleta do BNG nas eleccións galegas do ano 2020”.
O BNG encara as eleccións “cheos e cheas de entusiasmo, na confianza de termos o proxecto, a capacidade, e as persoas para facer que Vigo volva avanzar, para devolverlle o Concello á cidadanía, para devolverlle Vigo ás viguesas e vigueses”. Por iso, o candidato á alcaldía da fronte nacionalista afirmou que o BNG enfronta as vindeiras eleccións “con toda a ambición, sen ningún tipo de límite, sumando para multiplicar, aspirando a ser a forza determinante que empurre as mudanzas que Vigo necesita”.
“Hai moita xente en Vigo á que non lle vale o que hai. Moitas viguesas e vigueses que non entenden como se puideron deixar sen gastar 436 millóns de euros nos últimos catro anos. Que están cansas da frivolidade e do autoritarismo do permanente ‘aquí mando yo’. Moitas persoas fartas do abandono dos nosos barrios e parroquias. A toda esa xente o que lle dicimos é que aquí está o BNG, que se sumen a este proxecto aberto e en positivo para abrirmos xuntos e xuntas un tempo novo na cidade”, remachou Igrexas.