Pontón defende que Vigo sexa referente na preservación do medio ambiente incluíndo a recuperación integral da Ría

Encontro BNG sobre o litoral de Vigo
Encontro BNG sobre o litoral de Vigo

Destaca que o modelo municipal do BNG pon no centro a sustentabilidade e loita contra o cambio climático

Xabier P. Igrexas, candidato do BNG á Alcaldía: “É estratéxico e fundamental reconciliar Vigo co seu litoral e imprescindíbel deixar de tratar a Ría como un grande sumidoiro”

Pontón defende que Vigo sexa referente na preservación do medio ambiente incluíndo a recuperación integral da Ría

A portavoz nacional, Ana Pontón, visitou esta mañá Vigo, onde mantivo un encontro con colectivos ecoloxistas e medioambientais acompañada polo candidato á Alcaldía da cidade, Xabier Pérez Igrexas, destacou as propostas en materia de sustentabilidade e preservación do territorio que o Bloque ten previstas para a cidade olívica. “Hai un debate sobre como abrir Vigo ao mar e no BNG témolo claro, hai unha urxencia en Vigo e temos que preservar a xoia da coroa”, indicou con respecto da Ría de Vigo.

Empezando pola recuperación integra da Ría, dotar á cidade dun correcto sistema de depuración porque “non é razoable que, aínda hoxe, se incumpra a directiva europea da auga. Vigo precisa un sistema de depuración propio do século XXI”, destacou, recalcando os miles de postos de traballos directos a indirectos que se xerarán ao ter unha Ría que actúe como fonte de riqueza e de creación de emprego.

Sector pesqueiro antes que as eléctricas

A portavoz nacional urxiu tamén a necesidade de poñer fin aos recheos portuarios. “O futuro do Porto de Vigo non pasa por máis recheos de cemento na Ría, senón por poñer en marcha a Plataforma Loxística-PLISAN, para constituír nela un verdadeiro porto seco”, indicou. O BNG defende delimitar espazos e usos portuarios para facilitar unha reordenación racional, eficiente e sustentable da actual superficie do porto.

O BNG tamén  fixo referencia ao impacto da eólica mariña que proxecta o Goberno central co apoio do Goberno do PP e que inclúe  un macro-parque a 50 quilómetros das Illas Cíes. “Desde o Bloque apoiamos ao sector pesqueiro que pide a retirada do POEM, porque dadas as características da nosa plataforma continental, a instalación de muíños no mar é incompatible coa pesca e hai 32.000 postos de traballo directos en xogo só en Vigo”.

Reconciliar a cidade co litoral

De por parte, o concelleiro e candidato do BNG á alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, subliñou a “vontade compartida de todas as viguesas e vigueses” para avanzar cara a unha cidade “máis sustentábel e moito máis verde”. Nese obxectivo, defendeu como “estratéxico e fundamental” reconciliar Vigo co seu litoral.

Igrexas explicou as tres grandes liñas de actuación que, un BNG determinante no Pleno a partir do 28 de maio, impulsará neste ámbito. A primeira delas é “deixar de tratar a Ría como un grande sumidoiro”, poñendo fin ás reiteradas verteduras de augas fecais sen depurar, mellorando a rede de saneamento coa implantación da recollida separativa de pluviais, e realizando unha auditoría integral para avaliar o deficiente funcionamento das depuradoras de Coruxo e Teis.

En segundo lugar, o candidato nacionalista, ratificou o “compromiso firme e rotundo” do BNG en contra de novos recheos portuarios. Após lembrar que a cidade xa lle gañou ao mar preto de 3 millóns de metros cadrados e de demandar unha reordenación racional e eficiente dos usos da actual superficie portuaria, Igrexas amosouse rotundo defendendo que “Vigo non quere nin un centímetro cadrado máis de cemento sobre a Ría”.

Por derradeiro, desde o Bloque defenden a necesidade de avanzar na recuperación efectiva do litoral desde o público e para o desfrute da veciñanza. A este respecto chamou a acabar co urbanismo depredador en liña costeira, na que inscribiu o recente “pelotazo” da urbanización de chalets VIP en Cabo Estai. Abordar a rexeneración “integral e completa” do areal de Samil, en lugar de emprender accións parciais como as que se proxectan polo Goberno español, ou a recuperación efectiva do dominio público marítimo-terrestre na Illa de Toralla, facendo realidade a senda pública peonil en todo o seu perímetro, son algunhas das propostas concretas das nacionalistas.

Pontón defende que Vigo sexa referente na preservación do medio ambiente incluíndo a recuperación integral da Ría