Xabier P. Igrexas retruca a Javier Pardo: “O problema do Goberno de Caballero é que a última vez que subiron a un autobús en Vigo inda non eran verdes”
O BNG cualifica de “ridículas” as declaracións do concelleiro de Fomento nas que tentou descualificar a campaña promovida polo Bloque para demandar un mellor servizo de bus na cidade
O portavoz municipal nacionalista lembra que foi un Goberno municipal liderado polo BNG (1999-2003) o que máis impulsou a mellora do transporte urbano coa posta en marcha da Tarxeta Verde con tarifas bonificadas, novas liñas e o transbordo gratuíto
Diante das declaracións remitidas aos medios de comunicación polo concelleiro de Fomento do Concello de Vigo, Javier Pardo, criticando a campaña iniciada polo BNG demandando a mellora do servizo de bus urbano, o portavoz municipal nacionalista, Xabier P. Igrexas, lamentou que “o problema do Goberno municipal de Abel Caballero é que a última vez que subiron a un autobús en Vigo inda non eran verdes”.
“Quen usamos a diario o bus na cidade padecemos en carne propia a enorme precarización que sofre o servizo nos últimos anos”, remachou. Igrexas chamou ao Goberno local a “deixar de defender o indefendíbel e pasar do chalaneo permanente con Vitrasa a actuar para que as viguesas e vigueses teñan un transporte urbano á altura da primeira cidade de Galiza”
Para o portavoz nacionalista é “tan ridículo como preocupante escoitar a un responsábel municipal que non coñece nin as tarifas do bus de Vigo”, aludindo a que Pardo dixo que o “billete ordinario” (sic) ten un prezo de 53 céntimos de euros. “O prezo ordinario é 1,57 euros despois do tarifazo imposto este ano e que o converteu no máis caro de todo o Estado, e o bono ordinario [que é o de 53 céntimos] é tamén o máis caro das sete cidades galegas, moi lonxe dos 38 céntimos da Coruña ou dos 31 céntimos de Ourense”.
“En lugar de facer o ridículo tentando descualificar a demanda dun mellor transporte urbano na cidade, o que debería facer o Goberno de Caballero é actuar para que Vitrasa cumpra co prego concesional e restitúa as 154 frecuencias que seguen recortadas na fin de semana a pesar de que a folga concluíu en marzo”, reprochou.
Aliás, Igrexas lembroulle a Pardo que foi precisamente un Goberno liderado polo BNG que puxo en marcha a Tarxeta Verde (antecedente da actual Pass) con tarifas bonificadas e permitindo o transbordo gratuíto. “Foi precisamente o único mandato (1999-2003) no que o BNG tivemos responsabilidades de goberno na área de mobilidade do Concello cando máis se impulsou o servizo de bus urbano na cidade, mellorando as liñas, con novos circulares e frecuencias e abaratando o seu prezo”, retrucou.