Adán: O PP incumpríu en Tui: nin gardería, nin centro de saúde nin conexión para Areas
A número 2 do BNG pola provincia de Pontevedra, Carme Adán, puxo sobre a mesa os incumprimentos do goberno do PP en Tui, entre os que destacou a escola infantil, o centro de saúde e a conexión da parroquia e Areas coa autovía. Nun mitin no que tamén participaron o candidato número 9, Xosé Manuel Méndez, e a concelleira Carme Verde, a nacionalista asegurou que precisamente non cumprir os compromisos é o resumo do goberno de Feijóo.
Carme Adán criticou, neste sentido, a incoherencia do PP ao defender unha postura na localidade, como fixo o alcalde prometendo a conexión da parroquia de Areas coa autovía, e votar o contrario no Parlamento galego. Ao mesmo tempo, lembrou que tanto o centro de saúde como a escola infantil foron comprometidos por Feijóo ao inicio da lexislatura e deles nada se sabe.
Transformar promesas en feitos
Segundo destacou a candidata nacionalista, cómpre transformar as promesas en feitos e ao seu xuízo, a única forza política rigurosa á hora de cumprir os seus compromisos é o BNG. Pola contra, destacou que o PP non só non cumpre as súas promesas, senón que incluso convértese en inimigo dos sectores produtivos, en referencia a proposta que fixeron os populares de eliminar a denominación de orixe galega dos produtos do mar.
Pola súa banda, o candidato número 9, Xosé Manuel Méndez, asegurou que tendo en conta estas circunstancias, podemos dicir claramente que Feijóo non é de fiar. Lembrou que chegou ao goberno mentindo sobre as solucións que achegaría para solventar o problema do paro e remata a legislatura tamén mentindo sobre os contratos con PEMEX para o naval. Votar ao BNG é a única garantía de botar ao PP, rematou.