O BNG comprométese en Redondela co sector pesqueiro e defende máis competencias para poder decidir
Carlos Aymerich e Carme Adán, números 1 e 2 da candidatura do BNG pola provincia de Pontevedra, expresaron o apoio do BNG ao sector pesqueiro durante unha xuntanza que mantiveron coa Confraría de Pescadores de Redondela. Nesta ocasión o e a nacionalista intercambiaron impresións sobre os problemas polos que atravesa o sector e, se o BNG ten responsabilidades de goberno a partir do 21 de outubro, se comprometeron a seguir traballando na defensa da pesca.
O candidato e a candidata do BNG salientaron que a única alternativa para defender un sector produtivo tan importante como é o da pesca é ter máis competencias que nos permitan tomar as nosas propias decisións, aquí e en Bruxelas. Segundo subliñaron cómpre ter un goberno que defenda os intereses dos sectores produtivos.
Estes tres anos e medio de lexislatura foron un tempo perdido para a pesca galega, manifestaron os e as representantes da Confraría de Pescadores durante o encontro, ao tempo que recoñeceron o traballo desenvolvido polos deputados e deputadas nacionalistas no Parlamento galego coa presentación de diversas iniciativas.
Na xuntanza, na que tamén participou a portavoz municipal, Cecilia Pérez, os e as participantes destacaron asemade que ao longo destes anos non se solventou ningún dos problemas da pesca galega, como é a dos prezo xusto na comercialización, a discriminación das mulleres ou a venda como autóctono de produto de fóra.