Aymerich: “Cómpre concentrar o voto no BNG para frear o modelo Adelson que quere o PP para Galiza"

Aymerich: “Cómpre concentrar o voto no BNG para frear o modelo Adelson que quere o PP para Galiza"

O cabeza de lista do BNG por Pontevedra, fixo un chamamento esta tarde na Guarda a concentrar o voto no Bloque, como única alternativa nacionalista e de esquerdas que defende os intereses de Galiza “fronte ao modelo Adelson que quere traer o PP”, apuntou. Destacou asemade que se hai desembarco do PP nas distintas localidades da provincia, “é que hai partido e nos estamos xogando retirar aos populares do goberno galego”.

O nacionalista comentou, ao respecto, que se Vigo e as localidades da súa área “superan todas as cotas de paracaidismo”, ao figurar na axenda de ministros, exministros e altos cargos do Partido Popular, “é porque non deben ter moi claras as cousas e en Pontevedra se xogan o goberno de Galiza”.

Segundo destacou Aymerich, “o que si está claro é o modelo privatizador que queren levar adiante”, tanto a respecto do ensino, a sanidade e os servizos sociais, polo que subliñou a importancia de “facerlles frente” botándoos da Xunta o vindeiro 21 de outubro. “Non pode quedar ninguén na casa, cada voto conta, e conta moito para defender os dereitos de todos e todas”, salientou.

Carlos Aymerich destacou que cómpre concentrar o voto na única alternativa política con propostas claras e que defenden os dereitos laborais e sociais de todas as persoas. “Temos que frear o modelo Adelson que quere traer o PP a Galiza, baseado na violación das leis, a explotación laboral”, defendeu.

Marta Dacosta

A candidata número 6 do BNG, neste sentido, reivindicou a defensa da educación, a sanidade e os servizos sociais públicos como dereitos para todos e todas. Marta Dacosta explicou algunha das propostas nacionalistas, como o plan de fomento de emprego da muller, que trata de profesionalizar determinadas actividades asociadas tradicionalmente ás mulleres, como é o caso das redeiras. “Este é un claro exemplo do que fai o BNG no goberno, que seguro que coñecedes ben”, salientou en relación ao traballo desenvolvido pola secretaria xeral de Igualdade no bipartito e candidata número 2 por Pontevedra, Carme Adán.

Marta Dacosta tamén destacou a necesidade de que na Guarda, o vindeiro goberno galego fomente a rede pública de ensino infantil, así como a implantación de máis titulacións de Formación Profesional, “que teñan que ver cos nosos sectores produtivos”, apuntou.

Aymerich: “Cómpre concentrar o voto no BNG para frear o modelo Adelson que quere o PP para Galiza"