Aymerich insta á Xunta a solucionar a situación de Alfageme mantendo a actividade e o emprego
O cabeza de lista do BNG por Pontevedra, Carlos Aymerich instou á Xunta de Galiza a solucionar de inmediato a situación de Alfageme, mantendo a súa actividade industrial e os postos de traballo. Nunha xuntanza que mantivo na última hora de onte coas traballadoras da factoría trasladoulles a preocupación do BNG pola situación da empresa así como o apoio da formación nacionalista.
Resulta incomprensible que existindo unha saída que garante o mantemento do emprego e da actividade industrial de Alfageme a Xunta a poña en risco abrindo a porta á liquidación da empresa, manifestou Aymerich. Ao seu xuízo, o que acontece nesta factoría é un exemplo claro de cómo a política do PP destrúe emprego en Galiza.
O candidato nacionalista asegurou que a solución para Alfageme non depende de que a Xunta poña máis ou menos cartos nin de autorizacións e permisos de outras administracións, senón que depende unicamente da vontade do goberno galego presidido por Feijóo.
Segundo afirmou Aymerich, Feijóo ten que escoller entre poñerse do lado das traballadoras e conservar o emprego e a actividade industrial ou seguir como ata neste momento, do lado da familia Lago, que quere quere liquidar a empresa e mandar para casa ás traballadoras, apuntou.