O Bloque felicita ao Frente Amplio pola súa vitoria nas eleccións uruguaias
Ana Miranda reuniuse co deputado Óscar Andrade co obxectivo de afondar nas relacións entre as dúas organizacións
Vigo, 11 de febreiro de 2015.- A responsable de política internacional do BNG, Ana Miranda, trasladou os parabéns da formación nacionalista á Frente Amplia de Esquerdas de Uruguai pola súa recente vitoria nas eleccións nas que resultou elixido presidente Tavaré Vázquez. A ex eurodeputada nacionalista trasladoullo ao deputado e secretario xeral do Sindicato Único da Construción e Anexos Sunca-, Óscar Andrade, con quen mantivo un encontro esta mañá na sede viguesa do BNG.
Quero darlle a benvida a Óscar Andrade e trasladarlle os nosos parabéns posto que é un novo membro do Senado uruguaio, manifestou Ana Miranda, quen destacou que con esta xuntanza o BNG quere consolidar as relacións que ten desde hai anos co Frente Amplio así como felicitalo polos resultados electorais. Para nós é unha honra recibilo, afirmou, ao tempo que subliñou o traballo dos galegos e galegas en Uruguai como factor de crecemento deste país.
Óscar Andrade, pola súa banda, agradeceu a acollida e explicou que a xuntanza celebrada hoxe se enmarca na rolda de encontros na que participa en Galiza convidado pola CIG. Queremos establecer vínculos fraternos con organizacións sindicais e políticas, afirmou ao tempo que sinalou que esa axenda internacional se ampliará ao longo do ano.
Relacións históricas
Preguntado pola relación de Uruguai con Galiza sinalou que en primeiro lugar existe unha unión histórica e explicou que a finais do século XIX as dúas terceiras partes dos asalariados uruguaios eran galegos. Tamén salientou que eses vínculos se fortaleceron ao longo dos períodos máis duros da historia para os dous países, en referencia ás ditaduras. O pobo galego non só nos xera moito respecto, senón sobre todo moito cariño, subliñou o deputado uruguaio.