Intervención de Serafín Otero na presentación do primeiro tramo da candidatura do BNG de Vigo

Intervención de Serafín Otero na presentación do primeiro tramo da candidatura do BNG de Vigo

Amigos e amigas,

 

Hoxe presentámonos publicamente, sen grandes promesas, os homes e mulleres que xunto a min forman parte da candidatura. Representamos o reflexo do que o BNG somos, da nosa aposta por unha equipa nova que asuma o repto de iniciar un novo ciclo político, de abrirmos unha nova etapa, na cidade e no país. Os cinco homes e as cinco mulleres propostas responden aos criterios que colectivamente en asembleas abertas a cidadanía, escollimos e que son a proposta política do BNG para un cambio radical ao servizo das clases populares de Vigo, a nosa alternativa fronte a incapacidade política do actual goberno local que, ao tempo, peche ao paso a un posíbel retorno da dereita.

Son mulleres e homes con acreditada experiencia no activismo social, feminista, sindical ou veciñal. Todos e todas elas significáronse na loita na rúa e nos centros de traballo contra o saqueo que o Capital, os ricos e poderosos, están a impor contra o pobo traballador a través das forzas do bipartidismo sistémico.

Son o reflexo do latexar dun pobo que se revolve contra o empobrecemento, contra as políticas de recorte social, contra o desmantelamento dos nosos servizos públicos a destrución dos sectores produtivos que tanta riqueza xeraron na nosa cidade, a pesca, a conserva a industria naval, e contra o retroceso vertixinoso en materia de dereitos civís e liberdades democráticas.

Son expresión deses moitos milleiros de vigueses e viguesas que non se resignan, e que unha e outra vez fan estremecer as rúas da nosa cidade con inxentes mobilizacións ao berro dun xigantesco BASTA.

Presentámonos co compromiso de continuar estando ao lado de quen están a padecer máis duramente esta crise. Da clase traballadora, das persoas desempregadas, das familias que corren o risco de pasar o limiar da pobreza, da mocidade que quere ter futuro na súa cidade e tamén do pequeno comercio local que vive na incertidume de si poderán abrir as portas na mañá seguinte.

O noso obxectivo é ben simple. Queremos levar a indignación social desde as rúas até o Salón de plenos, para convertermos esas gañas de cambio en políticas transformadoras, desde as coordenadas da esquerda e o nacionalismo.

A nosa proposta é un cambio de rumbo que transforme a cidade. Queremos transformar poñendo todas as capacidades e todos os recursos do Concello ao servizo das necesidades sociais. Humanizar de verdade poñendo os problemas da xente por diante. Apostar por un modelo de cidade que vaia máis alá da loseta e do axardinamento. Practicar a democracia para alén dos procesos electorais, dándolle protagonismo de verdade á veciñanza para que teña voz e voto nas decisións que lles afectan. Facer transparentes as paredes dos despachos para desterrar corrupcións, corruptelas e tratos de favor. Sen negocietes privados pagados co formigón pagado con cartos públicos.

Queremos tamén colocar o beneficio público por diante do lucro privado, apostando por ofrecer máis e mellores servizos públicos e xestionados desde o público. Pero tamén, facermos país desde a cidade: mudarmos Vigo para transformar Galiza. A definición de Vigo como motor dun proxecto de reconstrución nacional, a recuperación e promoción do galego nos distintos ámbitos da cidade e unha nova política cultural apoiándose na desenvolta dende a base e fomentando o seu desenvolvemento en rede tendo ao pobo como suxeito. Recuperando a nosa maior riqueza: a nosa propia identidade.

Esta é a nosa aposta. Entender a cidade non só como un espazo, senón como unha trincheira na loita pola xustiza social e a igualdade real en Galiza. Sen grandes promesas. Sen mesías de moda con grandes discursos nin solucións máxicas para todo. Nós contamos coa experiencia política, co coñecemento e o traballo acumulado do BNG durante moitos anos de traballo, fóra e dentro das institucións. Nós non partimos de cero.

Partimos con ilusión e co compromiso de traballar pola xente da nosa cidade. Aquí está o Bloque Nacionalista Galego. Con equipo e con propostas claras, diante dun Alcalde e un goberno sen iniciativa política, sen proxecto, unicamente pendente das fotos e dos titulares. Un goberno inútil para atender os problemas reais da xente. E ademais un Alcalde soberbio, xordo diante de propostas e críticas veciñais, incapaz de dialogar con ninguén.

Vigo non pode perder outros catro anos. É urxente un cambio de rumbo. É preciso un cambio de liderado na cidade. A veciñanza necesita un Goberno local sen actitudes sectarias nin propagandísticas, sen fotos nin inauguracións na colocación de losetas, sen barcos nas rotondas como se se tratase dun tsunami, sen símbolos fascistas na nosa cidade e facendo que os orzamentos municipais se concentren en atender as necesidades sociais.

O BNG temos as ideas, a capacidade e a equipa para facer ese cambio posíbel. O noso empeño será incorporar ao maior número de veciñas e veciños neste ilusionante proxecto. E queremos facelo con coherencia, practicando desde agora a promoción da participación da xente. Por iso estamos a poñer en marcha a elaboración do nosos programa de goberno, no que queremos contar de verdade con colectivos máis tamén coas ideas, críticas e suxerencias que calquera cidadá, que calquera cidadán, queira partillar con nós.

O BNG aspiramos a ser unha ferramenta ao servizo da veciñanza de Vigo, para lograr algo revolucionario: facer que sexa posíbel o que xa sabemos que é necesario.

 

Intervención de Serafín Otero na presentación do primeiro tramo da candidatura do BNG de Vigo