O Bloque leva as primeiras denuncias cidadás sobre o HAC ao Parlamento galego

O Bloque leva as primeiras denuncias cidadás sobre o HAC ao Parlamento galego

_A fronte nacionalista defenderá tamén unha proposta de resolución para que se rescate a concesión privatizada.

_Denuncian que malia as promesas as deficiencias continúan como estaban.

roldahacVigo, 15 de outubro de 2015.- Cando se cumpren quince días desde o lanzamento do sitio web www.denunciahospitalvigo.com o BNG apresentou hoxe en rolda de prensa as 15 primeiras denuncias recollidas, e que xa foron trasladadas ao Parlamento de Galiza pola deputada nacionalista Carme Adán. As denuncias foron remitidas pola cidadanía a través das redes sociais, correo electrónico e servizos de mensaxería móbil como Whatsapp.

Na comparecencia, o Responsábel de Política institucional do BNG de Vigo, Serafín Otero, fixo unha breve presentación das denuncias máis graves de entre as recollidas. Denuncias que confirman que a situación mantense e que non se teñen acometido solucións. “Hai moitas promesas e mesmo un cambio na consellaría, pero as deficiencias continúan sen solución” denunciou.

De entre as principais queixas Otero fixo fincapé nas longas agardas que padecen as doentes para solicitaren cita ou seren atendidas. Referiu tamén o caso concreto dunha persoa maior que estivo “20 horas sentada nunha butaca, ante a falta de camas en urxencias” e que “tivo que taparse coa súa propia roupa”, segundo fixo chegar o seu neto a través da rede social Facebook. Algo que para o dirixente do BNG “é máis propio de Guantánamo que dun hospital”. Engádense reiteradas protestas pola mala calidade do cátering ou a cancelación de intervencións cirúrxicas por falla de material esterilizado. Denuncian tamén os numerosos atrancos que as doentes atopan á hora de poderen reclamar oficialmente diante do Sergas.

Fiscalía e cesamentos

Diante da cascada de deficiencias, ás que se vén de engadir a rotura dunha conducción de augas fecais na área de urxencias, pola precariedade dos materias de construción, desde o Bloque expresan o seu completo apoio ao reclamo do Defensor do Paciente para que a fiscalía inicie de oficio unha investigación. As nacionalistas subscriben a petición do persoal sanitario que esta semana protagonizou unha folga masiva, exixindo o cesamento do xerente e de toda a dirección do Hospital Álvaro Cunqueiro.

Bolardos

“Unha das cuestións máis graves é o do aparcadoiro, coa instalación de centos de bolardos para os que exiximos a súa inmediata retirada porque supoñen un risco para a seguridade”, manifestou Serafín Otero. Aliás, anticipou que “se hai un accidente por culpa dos bolardos o BNG iniciaremos accións legais contra a concesionaria, a Xunta e o Concello de Vigo”. O BNG reitera asemade o reclamo dun aparcamento gratuíto.

Parlamento de Galiza

A deputada nacionalista Carme Adán presentou as iniciativas coas que o BNG vai facer chegar ao Parlamento galego todas as denuncias recollidas polo momento. Ademais, Adán presentou a proposta de resolución que o Bloque vai defender no marco do Debate do Estado da Nación que se está a desenvolver no Pazo do Hórreo.

Na proposta de resolución a fronte nacionalista exixe a recuperación da plena xestión pública do novo hospital. Demandan tamén que se resolvan de inmediato todas as deficiencias detectadas, e que se faga a cargo do canon que xa se lle abona á concesionaria sen que custe un euro máis ás galegas. Por derradeiro, reiteran o seu reclamo para que se constitúa unha comisión de investigación no Parlamento. “Se o PP non ten nada que esconder na construción do HAC, porque se negan a abrir unha comisión de investigación?”,preguntouse Adán.

A deputada nacionalista criticou con dureza o discurso do Presidente da Xunta a respecto do novo hospital. “Feijóo dise orgulloso do HAC e que só hai pequenas molestias, pero para a cidadanía de Vigo, para os doentes, para as familias e para o persoal, este hospital é unha vergoña, unha grande estafa”, retrucou. Adán lembrou que a primeira decisión adoptada polo PP ao chegar ao Goberno galego foi privatizar o novo hospital vigués. “As concesionarias privadas non prestan un bo servizo, só veñen facer negocio”.

 

O Bloque leva as primeiras denuncias cidadás sobre o HAC ao Parlamento galego