O BNG aposta por empresas públicas municipais de servizos para reverter as privatizacións
_Cualifican de previsíbel a anulación da adxudicación do servizo de mantemento de zonas verdes, por se realizar un procedemento baixo sospeita desde o primeiro minuto.
_A fronte nacionalista reitera a necesaria saída de Ángel Rivas do Goberno municipal.
Vigo, 16 de outubro de 2015.- Para o BNG de Vigo a anulación do proceso de adxudicación do servizo de mantemento de zonas verdes do Concello de Vigo é un "desenlace previsíbel", a consecuencia dun procedemento "baixo sospeita desde o primeiro minuto". Así valora a fronte nacionalista a resolución do Tribunal Administrativo de Contratos Públicos que por terceira vez tomba a adxudicación.
Cesamento de Rivas
O Bloque reitera a súa denuncia de que o proceso de adxudicación, tal e como se fixo, non asegura os dereitos laborais do plantel de parques e xardíns. Para as nacionalistas non é sorpresivo que se detecten irregularidades nun proceso dirixido politicamente por un concelleiro con dúas imputacións relacionadas con corrupción na contratación pública. Neste senso, volven reclamar o cesamento de Ángel Rivas como membro do Goberno municipal.
Empresas públicas
Lembran tamén que o modelo de xestión privatizada na que se priman os menores custes, amais de alentar baixas temerarias nas ofertas económicas das empresas aspirantes, acaba por incidir moi negativamente tanto na calidade do servizo prestado, como nas condicións laborais do persoal adscrito.
É por iso defenden que se inicie un proceso de remunicipalización de servizos, para que estes retornen a unha xestión cento por cento pública. Para iso propoñen que se aposte pola fórmula de constituír empresas públicas municipais de servizos, que progresivamente asuman os agora privatizados.