O BNG convoca sete encontros abertos na comarca de Vigo dentro do Proceso Adiante
_Están encadrados nas dúas primeiras fases do Proceso Adiante co que a fronte aposta por relanzar o proxecto nacionalista.
_O primeiro deles terá lugar en Vigo mañá, mércores 20, coa presenza da voceira nacional, Ana Pontón.
VIGO 19 de abril de 2016.- O Proceso Adiante ponse en marcha na comarca de Vigo. A iniciativa política impulsada polo BNG co obxectivo de actualizar e relanzar o proxecto nacionalista, enceta con sete encontros abertos que se realizarán nas localidades de Vigo, Redondela, Baiona, Fornelos de Montes, Gondomar, Mos e Nigrán.
O formato dos mesmos será aberto e participativo, e neles poderá tomar parte calquera persoa que acredite na necesidade de que Galiza, como nación, conte cun instrumento político propio, explicou en rolda de prensa esta mañá o responsábel comarcal do Bloque, Manuel Caride. Neste senso, desde a organización nacionalista estase a facer un intenso traballo de convite e difusión da convocatoria, precisamente para lograren a maior participación nos encontros, sobre todo de persoas simpatizantes e activistas dos movementos sociais, co pretenso de incorporalas ao Proceso Adiante.
O responsábel local do BNG de Vigo, Serafín Otero, explicou cales son os obxectivos que se perseguen con esta iniciativa. Incidiu en que o que se procura é ofrecer á sociedade galega un proxecto político, reactualizado nas súas análises, con maior capacidade de incidencia social real e vontade a capacidade de gañar para transformar positivamente este país e facer avanzar a Galiza cara a súa soberanía. En resumo trátase de poñer a punto a alternativa transformadora que en Vigo e Galiza representa hoxe o BNG, para as clases populares e traballadoras desde as coordenadas do nacionalismo e da esquerda, sintetizou. Otero lembrou que o Proceso Adiante será participativo e aberto, de abaixo a arriba, democrático, de consenso e transparente e que o mesmo desenvolverase cunha metodoloxía novidosa para estimular o maior grao de participación desde a base.
Estes encontros encádranse nas dúas primeiras fases das cinco previstas no Proceso Adiante, e que están focadas a activar o diálogo e a interlocución coa base social do nacionalismo e os movementos sociais e a iniciar o proceso de debate, aberto, colectivo, e plural, sobre os tres eixos sobre os que se desenvolverá todo o proceso: actualización da radiografía da situación de Galiza, estratexia política do nacionalismo galego e participación política e modelo organizativo. Os encontros locais confluirán nun Encontro Nacional Aberto que decorrerá este domingo 24 de abril no Teatro Provincial de Pontevedra.
Primeiro encontro en Vigo
O primeiro dos encontros abertos na comarca terá lugar na cidade de Vigo, mañá mércores día 20 ás 20:15h no Hotel Axis (rúa María Berdiales, 22). No acto participará a voceira nacional do BNG, Ana Pontón. O xoves 21 realizaranse os de Redondela e Baiona, o sábado 23 o de Fornelos de Montes, o mércores 27 os de Mos e Gondomar e o venres 29 o de Nigrán.
Con posterioridade, as seguintes fases do proceso prevén a elaboración dunha proposta de teses a partir das achegas recollidas, e que serán debatidas a nivel comarcal. Todo o proceso concluirá nunha Asemblea Nacional, a realizar entre decembro deste ano e febreiro de 2017, na que se adoptarán os novos liñamentos que definirán o novo proxecto nacionalista para os vindeiros anos.
Previsión de datas, horas e lugares
Mércores 20
-Vigo ás 20:15h no Hotel AXIS (r/ María Berdiales 22).
Xoves 21
-Redondela ás 20:15h na Casa da Cultura.
-Baiona ás 20:30h no Hotel Tres Carabelas.
Sábado 23
-Fornelos de Montes ás 18:00h no Bar Novo.
Mércores 27
-Gondomar ás 20:15h no Restaurante Vitriola.
-Mos ás 20:00h no local do BNG.
Venres 29
-Nigrán ás 20:00h no Centro da terceira idade (Ramallosa)?.